O Partido Popular de Santiago denuncia o estado de total abandono e esquecemento no que se atopa a contorna da avenida de San Marcos e a Granxa de San Lázaro, onde a veciñanza ven reclamando, desde hai tempo, que cada vez que chove se producen inundacións diante mesmo das súas casas, entre outras moitas incidencias.
O concelleiro popular, José Ramón de la Fuente, demándanlle ao Goberno do BNG a “inmediata intervención na zona e, mentres non se leve a cabo a instalación de beirarrúas, polo menos nos puntos máis conflitivos se rocen e limpen adecuadamente para facilitar o tránsito peonil”. Reclama tamén a reposición do firme da senda Monte do Gozo-Monte de Deus; a limpeza de gabias e o mantemento de canais de derivación da auga.
O popular subliña que, “a pesar das numerosas promesas do BNG durante as pasadas eleccións municipais, a veciñanza segue queixándose das mesmas cousas que durante os anteriores gobernos de esquerdas, pero a realidade é que nada se empezou a facer e a “calma do actual Goberno do BNG” sume aos veciños na desesperanza”.
A deficiente canalización da rede de pluviais e a falta de limpeza de gabias e fincas provocan taponamentos que, ao chover, aínda que non sexa en gran cantidade, rematan en asolagamentos en puntos que dificultan o acceso ás vivendas, ademais de que están a producir importantes deterioros nos viais.
De La Fuente destacan que, “a pesar de que os distintos gobernos de esquerdas lles teñen prometido unha solución, a realidade é que a veciñanza segue esperando polo asfaltado das pistas, que se atopan nun estado lamentable, con fochancas que provocan, incluso, avarias en vehículos”.
Por outra banda, a falta de beirarrúas e as gabias sen limpar son unha constante en toda a zona, o que supón un perigo para os peóns en todo o barrio pero, concretamente, na rúa Granxa de San Lázaro, que coincide no recorrido da antiga estrada cara a Lugo, a situación é especialmente preocupante e perigosa, debido á gran cantidade de persoas e vehículos que teñen que transitar por esa zona, o que é cada vez máis complicado.
José Ramón de la Fuente reclámalle tamén ao Goberno nacionalista que “busque unha solución para o incremento de vehículos na contorna do polígono da Sionlla, xa que ante os deficientes accesos a esta zona, son moitos condutores que usan estas pistas para entrada e saída do polígono dunha forma máis áxil, situación que provoca un aumento de circulación, incluso a velocidades excesivas”. Os veciños teñen reclamado a instalación de dispositivos que eviten estas situacións, sen que polo de agora obtiveran resposta.
Ademais, o tramo Monte do Gozo-Monte de Deus da senda do Xiro dos Montes de Compostela, se atopa, ao seu paso pola Granxa de San Lázaro, nun estado impracticable, a causa da deficiente execución das obras no ano 2021, que provocan escorrentías que se levan o firme, polo que está cheo de fochancas e pedras que a fan intransitable, xa que ao non limparse as gabias e os canais de derivación da auga, esta transcorre pola propia senda e se leva todo ao seu paso.
“Todas estas situacións foron denunciadas no Concello, pero, a día de hoxe, seguen sen recibir resposta”, lembra o edil popular.