O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, amosou hoxe a súa sorpresa tras as declaracións do BNG sobre as sancións polo ruído nocturno. “A alcaldesa nacionalista debería explicar entón se ata o de agora a Policía Local tiña orde de non multar aos locais cando se incumplía a ordenanza”, subliñou, e calificou de “bochornosas” este tipo de afirmacións por parte do BNG. 

Verea instou ao goberno a que se poñan a traballar porque levan xa medio ano e polo de agora o único que quedou claro é a súa incapacidade para xestionar e sacar adiante as cousas. 

Así, lembrou que “nós presentamos unha estratexia integral contra o ruído nocturno, na que xa deixamos claro que é esencial que se impliquen todos os axentes, incluída a propia hostalería, porque sen eles será imposible atallar este problema”. Para o líder popular unha campaña como a que acaba de presentar o goberno do BNG non pode ser a principal ferramenta dun concello para solucionar un problema como o do ruído nocturno, que se leva padecendo desde hai anos. “Necesitamos mecanismos reais e non propaganda”, sinalou.

É por isto, insistiu, polo que ademais da propaganda, pedimos que se aplique o noso Plan de Acción Contra o Ruído.

Proposta de plan de acción contra o ruído do PP de Santiago

Obxectivo: Poñer a Santiago na vangarda da loita contra o ruído nocturno 

  1. Elaboración dun Rexistro de chamadas á Policía Local para coñecer os afectados máis activos. 
  2. Elaboración de enquisas e estudos demoscópicos sectorializados  para coñecer a extensión real, sabendo que moitos non denuncian.
  3. Elaboración dun mapa de ruídos.
  4. A utilización de mecanismos de medición modernos, que sexan áxiles, portátiles, fiables e de resposta inmediata; ou no seu caso coas mellores empresas.
  5. A colaboración dos loca is de ocio é fundamental, sen o seu compromiso será moi difícil conseguir resultados reais, sobre todo fóra dos locais. Nesa colaboración público privada propoñemos tamén unha liña de axudas para a insonorización óptima dos locais de ocio.
  6. Plan especial de Inspección.
  7. Reforzamento policial naqueles puntos máis conflitivos.
  8. Tramitación preferente dos expedientes que afectan ao ruído nocturno, tanto o que denuncia como no seu caso o sancionado saberán que é unha prioridade política.
  9. Bonificacións no IBI ou outras medidas fiscais nas vivendas desvalorizadas polos ruídos e nos propietarios máis afectados.
  10. Revisión normativa de todos os regulamento afectados: zonas acústicas saturadas, Ordenanza de ruídos, Plan Especial.