O concelleiro popular, Borja Rubio, manifestou a súa preocupación polos persistentes atrasos no envío dos recibos de comedor xestionados polo Goberno do BNG. Esta demora está a provocar unha gran inquietude entre as familias usuarias, posto que descoñecen cando se realizará o cargo correspondente por este servizo, chegando, en ocasións, a pasar meses sen que se efectúe cobranza algunha.

Rubio remarcou que se trata dunha situación completamente anormal e sinalou que este problema leva arrastrándose desde o pasado curso escolar, acadando o seu punto álxido coa circunstancia de que, no mes de novembro, algunhas familias tiveron que facer fronte ao pago de varios recibos con poucos días de marxe.

“É fundamental, para a tranquilidade e estabilidade das familias usuarias, contar cun calendario de cobranzas previsible e regular, no que respecta ao servizo de comedor xestionado polo Goberno nacionalista”, subliñou.

Borja Rubio insistiu en que “a incerteza xerada por estes atrasos está a afectar significativamente a numerosos fogares da nosa cidade”.

Ante esta situación, o popular pide ao Goberno bipartito unha solución a esta problemática, salientando a importancia de establecer medidas que garantan un proceso de facturación e cobranza máis eficiente e constante para os beneficiarios do servizo de comedor en Compostela.

Os usuarios reclaman unha solución definitiva a esta situación, sobre todo, tendo en conta que as vindeiras datas supoñen unha medra nos gastos das familias, tanto polo Nadal, como pola costa de xaneiro e sería inasumible para moitas familias outro cargo extra de comedor pola mala xestión por parte do BNG.