Cando teñen pasado xa varios días, desde que o Goberno do BNG presentara o borrador de Orzamentos municipais para o ano 2024 ante os medios de comunicación, o Partido Popular nada sabe desas contas. O líder popular, Borja Verea, insiste en que, con esta actitude, se impide a labor da oposición e “desde o Partido Popular queremos defender os dereitos de todos os composteláns”.
Ante tan anómala situación, este sábado, os populares remitíronlle unha carta á alcaldesa co fin de que lle fora facilitada dita documentación, tendo en conta, ademais, que o Goberno do BNG leva máis de 10 días negociando co partido socialista.
A falta de transparencia non é nada novo, posto que o Goberno nacionalista xa amosou as súas maneiras pouco democráticas no pasado Pleno ordinario, cando impediu que se debatesen distintos puntos da orde do día, tal é como permite o regulamento.
Así, o líder do Partido Popular de Santiago reitera a súa solicitude para que lle sexa entregada a documentación relativa ao borrador de Orzamento 2024 e lle lembra ao Goberno do BNG que esta falta de respecto non é so contra unha forza política, senón tamén contra uns veciños e veciñas que, maioritariamente, decidiron que a súa representación no Concello estivese liderada por Borja Verea.