O concelleiro do Partido Popular, José Ramón de la Fuente, reprochou ao BNG que mintan sabendo que o están facendo, pois tanto Sanmartín como Louzao participaron o pasado 18 de setembro na Xunta de Goberno Local que acordou incrementar as tarifas dos servizos que se prestan no Multiusos Fontes do Sar e de Santa Isabel.

Nesa xuntanza o Goberno do BNG aprobou incrementar as tarifas un 12,40%, incremento que se fixo efectivo desde o 1 de xaneiro de 2024.

Na reunión do Consello de Administración de Xade celebrada o 9 de novembro pasado, os grupos municipais do BNG, Compostela Aberta e PSOE votaron a favor da subida de tarifas, pero o Partido Popular negouse a apoiar a medida mentres o servizo fora prestado nas deficientes condicións nas que se está a prestar na actualidade.

“Nas condicións nas que se está a prestar os servizos, debe ser o Concello quen asuma eses incrementos”, salientou De la Fuente.

O edil popular manifestou que “non estamos de acordo con estes incrementos, que non redundan en beneficio ningún para os usuarios dos servizos, non é aceptable que se incrementen as tarifas sen que isto supoña mellora de instalacións e equipamientos, os servizos estanse prestando en condicións lamentables”.