A concelleira do Partido Popular, María Baleato, denunciou hoxe, en rolda de prensa, a discriminación á que se está a someter a determinados veciños e veciñas do Ensanche compostelán, coa decisión de mover mesas electorais como a do Aeroclub de Santiago ata o Instituto de Bacharelato Rosalía de Castro; e a da Cámara de Comercio para a Facultade de Ciencias Políticas no Campus Sur Universitario.

Baleato explicou que o Partido Popular leva anos reclamando que se arranxe esta anómala situación, para o que fixo dúas reclamacións no ano 2020 e unha máis no 2023, destacando, entre outras consideracións, que “se estaban movendo mesas nas que os electores levaban votando desde hai máis de 20 anos”.

Como explica a popular, a sorpresa foi que, na primeira resposta, a Xunta Electoral dixo que “os cambios respondían a unha proposta da oficina do padrón do Concello de Santiago”. “Atención, un departamento que dirixe unha persoa que concorreu nas listas electorais municipais polo BNG, tanto no ano 2019 como no 2023 e, a día de hoxe, seguen sen corrixir esta situación anómala, polo que tamén nos gustaría saber cal foi o grao de participación desta persoa na toma de decisións e no actual bloqueo a unha solución que ten que ser urxente”, agregou.

Así mesmo, Baleato denunciou tamén que lonxe de protexer os dereitos dos cidadáns, esta situación está a entorpecelos, xa que se dificulta o dereito a exercer o voto por parte dos veciños afectados.

Visto isto, o PP presenta unha segunda reclamación para que ditas mesas se sitúen en lugares máis próximos ao seu ámbito de influencia, xa que, “con esta modificación, é evidente que o prexudicado é o PP, xa que nesas mesas é a forza máis votada, independentemente do tipo de elección, xeral, autonómica ou local”, indicou Baleato.

Baleato destacou que a Xunta Electoral provincial recoñeceu nun escrito que “en relación á mesa que foi trasladada á Facultade de Ciencias Políticas, observamos que existe unha distancia considerable entre a localización do local electoral e o territorio que comprende esta sección” e instou ao Concello a que “seleccione un local máis próximo a dito territorio”. 

Na súa comparecencia, a vicevoceira manifestou a sorpresa do Partido Popular ao comprobar que, unha vez máis e despois das reiteradas reclamacións, novamente para as vindeiras Eleccións autonómicas do 18 de febreiro, a mesa da Cámara de Comercio volve a figurar na Facultade de Ciencias Políticas

Terceira reclamación

Sinalar que, o 11 de xuño do 2023, o PP realiza unha terceira reclamación onde solicita a Xunta Electoral Provincial da Coruña, outra vez, o cambio da mesa que antes estaba na Cámara de Comercio e se pasaba á Ciencias Políticas, algo que xa debería estar solucionado tendo en conta a resposta da Xunta Electoral do 3 de xuño do 2020. 

Por isto, Baleato insistiu en reiterar que debe solucionarse esta situación, que supón un agravio comparativo para os electores dos dous colexios electorais afectados en relación co resto dos electores do Ensanche. 

Existe un exemplo que evidencia o “irregular” desta situación, polo que nos preguntamos se “non resulta ridículo que as monxas de Cluny, tendo un Colexio electoral na súa propia residencia, teñan que ir votar á Facultade de Ciencias Políticas, non é algo esperpéntico?. É dicir, hai un colexio electoral con dúas mesas na Rosa nº13, pero elas deben trasladarse un quilómetro para votar na mesa da Facultade de Ciencias Políticas”, subliña.“Insistimos en esixir que o Goberno nacionalista sirva con obxectividade aos intereses xerais, polo que lle reclamos que actúe en base aos intereses xerais da sociedade compostelá, tomando decisións que beneficien á cidadanía no seu conxunto e non en base a intereses partidistas, porque lembro que a persoa responsable do padrón do Concello é militante do BNG e concorreu nas listas electorais no ano 2019 e no 2023”, rematou a popular.