O vicevoceiro do Partido Popular de Santiago, José Antonio Constenla, ven de solicitar un recoñecemento especial para o “histórico e ben querido” xornalista Luis Rial, falecido hai uns días.

Para Constenla, Rial “fíxose acredor de que a súa memoria sexa lembrada e honrada pola nosa cidade, e por iso plantexamos que se dea o seu nome a unha rúa e se coloque tamén unha placa conmemorativa na Praza de San Fiz”.

Porque Luis, destacou o edil, “forma parte de esa nómina de personaxe singulares e xornalistas históricos que viviron ou traballaron na nosa cidade, á que se mantivo ligado de por vida desde o seu nacemento”. E é que, “quen no escoitou algunha vez a voz de Rial a través da ondas? Que non sintonizou algunha noite de desvelos o seu programa nocturno “Estamos contigo”?”, sinalaba Constenla. Porque Rial, salientou ademais, “chegou a ser o xornalista radiofónico en activo con máis idade con “Estamos contigo”, que tanta compaña nos facía aos composteláns nas longas noites de insomnio”.

ASÍ ERA LUIS RIAL
Da súa longa biografía cabe destacar que, tras máis de 50 anos de xornalismo, Luis Rial traballou en distintas cadeas, como a Ser (Radio Galicia, nos anos 60), Radio Cadena Española, Radio Nacional de España, Radio Galega, desde a súa inauguración, e Radio Obradoiro ata a súa cancelación. Especializouse en programas nocturnos de longa duración. Recorreu Galicia dando a coñecer as súas festas e romerías tradicionais e pronunciando máis de medio centenar de pregóns. Ademais, a súa voz chegou máis alá de Galicia con programas dirixidos á emigración, como Volta Galega a España e Volta Galega a Europa, recorrendo os centros galegos existentes.

Polifacético, tamén promoveu e dirixiu o programa radiofónico Festa do Amor, a través do que casaron numerosas parellas de mozos.

Membro do Colexio de Xornalistas de Galicia e da Federación de Profesionales de Radio y Televisión de España. Entre os premios e distincións recibidos destacan o Premio de Xornalismo de Galicia (1988), Premio á Galeguidade (1987), Premio de Periodismo de Fexdega (1989), Premio Álvaro Cunqueiro de xornalismo gastronómico (1999) y Medalla de Bronce de Galicia (2003).

Desde 1991 a súa figura tamén quedou ligada ao negocio hostaleiro en Compostela ao fundar nese ano o pub La Radio, na rúa das Ameas, xunto á Praza de San Fiz. Un local no que se conservaba a primeira radio pola que o no xornalista escoitou a súa voz a través das ondas: unha Philips do ano 1950.