Os concelleiros do Partido Popular de Santiago, José Ramón de la Fuente e Nerea Barcia, mantiveron unha reunión cos membros da Asociación de Veciños de Cornes, no barrio de Conxo. Durante a visita, os populares puideron ver, de primeira man, o desleixo ao que o actual Goberno nacionalista e os anteriores gobernos de esquerdas teñen sometido a esta zona de Santiago.
Pasado máis de medio ano desde as últimas eleccións municipais, o Goberno do BNG segue sen atender as demandas da veciñanza deste emblemático barrio da capital de Galicia, que leva tempo reclamando distintas melloras. Así “o servizo de limpeza é escaso nesta zona, sen medios para manter a contorna en condicións dignas”, salientou Barcia, “e xa non falemos da recollida de lixo, que pasa moi de vez en cando, deixando os colectores cheos durante días”. Unha situación que calificou de “inconcibible” cun contrato renovado hai menos de dous anos.
Ademais, durante a visita puideron acreditar tamén o grave problema de iluminación que sofren os veciños cada noite, posto que existen viais que apenas teñen luz, o que provoca un problema de visibilidade que supón un perigo para os peóns que transitan por estas rúas. Esa falta de visibilidade, unido á escasa presenza policial, está a incrementar a sensación de inseguridade na zona posto que existen puntos de venda de sustancias ilegais na contorna.
Así mesmo, os populares tamén lle reclaman ao Goberno nacionalista que se dote á zona dalgunha área de aparcamento, xa que son moitos os veciños que teñen graves dificultades para atopar onde aparcar e iso crea un caos na ordenación do tráfico que prexudica o bo tránsito do resto da veciñanza.