En agosto pasado, o Partido Popular de Santiago denunciamos a apresurada e caótica planificación das obras do pavillón de Vite e reclamábamos que o Concello se sentara a negociar cos clubs afectados o calendario das obras, xa que son os primeiros prexudicados pola non disposición do pavillón para os seus adestramentos e partidos de competición.
O concelleiro popular, José Ramón de la Fuente, destacou que “a incertidume, a falta dunha planificación clara de cando van ter que mudarse e non poderán dispoñer do pavillón de Vite, a onde se desprazarán e en que condicións é unha eiva que lles orixina graves prexuízos aos clubs”.
Nunha demostración de soberbia, o Concello negouse sequera a falalo cos clubs afectados pois, se xustificaba a concelleira de Deportes, os prazos de execución poderían poñer en perigo os fondos das axudas PIDE e non había marxe para considerar outros prazos; “as obras, mantiña a concelleira, tiñan que empezar en xaneiro si ou si”.
“Onte mesmo, co pavillón completamente inundado, puidemos comprobar que do inicio das actuacións, nada se sabe, nin sequera se albisca a medio prazo cando van ter os clubs que facer a mudanza para un lugar alternativo, Lamas de Abade ou Santiago Apóstolo, que nin sequera están adaptados para a práctica do hockey; en Lamas de Abade había onte conos sinalando as goteiras no medio da instalación”, explicou.
De la Fuente remarcou que o peor é o estado do pavillón de Vite, “tivemos que entrar nel cos paraugas na man e saltar, literalmente, catro papeleiras dispostas na entrada para recoller as múltiples pingueiras que asolan a instalación”.
“Para acabar de rematar o despropósito, os servizo municipais procederon a realizar labores de limpeza en horarios que non permitiron ter a instalación dispoñible para que os clubs adestraran ata a última hora da tarde, perdendo varias horas do tempo que lles corresponde, horas que non poden recuperar”, indicou o popular.
Non é difícil comprender que as labores de limpeza deben estar supeditadas ao uso da instalación polos clubs, e non ao revés; debería de existir un plan ou protocolo de actuación para labores de limpeza e que a empresa que limpa se adapte ás necesidades de clubs e veciños, non ao revés.
José Ramón de la Fuente incidiu en que “avisamos xa en agosto pasado, que a mala planificación e a falta de diálogo cos clubs afectados poderían causarlle graves prexuízos, estamos en xaneiro e non comprobamos que se iniciaron as obras, as instalacións alternativas non están preparadas, nin parece que vaian estar a curto prazo, e no pavillón de Vite hai que entrar co paraugas na man”.
“Reclamamos ao Goberno do BNG que se sente xa cos clubs a informarlles dos plans que ten para o inicio das obras no pavillón de Vite, que negocie con eles o calendario, como debeu facer xa cando llo reclamaron en agosto pasado e se poña a traballar xa para causarlles os clubs os menores prexuízos posibles”, aclarou.