O vicevoceiro do Partido Popular de Santiago, José Antonio Constenla, reclamoulle hoxe, en rolda de prensa, ao Goberno do BNG que incorpore a plataforma Bizum como ferramenta de pago para taxas, impostos e outras transaccións económicas de índole local. Constenla explicou que, con esta iniciativa, buscamos que se siga avanzando na modernización da Administración local.
O popular denuncia que, a pesar dos “falsos” anuncios do Goberno nacionalista de estar traballando para avanzar neste eido, a realidade é que do único que pode presumir o Goberno do BNG e do “constante atasco administrativo” que están a sufrir tanto traballadores como veciños.
“Así, desde o Partido Popular de Santiago, cremos que a adaptación á nova era tecnolóxica, aberta tanto a particulares como a empresas, ten que valer para ampliar as canles xa dispoñibles, co fin de facilitar o cumprimento dos deberes tributarios, o que permitiría unha relación moito máis áxil, rápida, sinxela e cómoda da veciñanza coa administración local, evitando, por exemplo, desprazamentos inútiles e aforro de tempo en trámites”, subliñou.
José Antonio Constenla remarcou que “somos conscientes de que pode ser necesaria a modificación das Ordenanzas Fiscais afectadas, pero entendemos que non debe ser obstáculo algún para o Concello da capital de Galicia”.
Para o popular, “o Concello de Santiago non pode quedarse atrás no avance das novas tecnoloxías, o que implica novos métodos de pago moito máis sinxelos e sen custe asociado, o que supón unha administración máis achegada aos seus administrados”.
A lexislación actual ven a reforzar o uso das tecnoloxías na información e comunicación coas administracións públicas, para mellorar a xestión, garantir o dereito e as obrigacións dos cidadáns e facilitar, neste caso, o pago grazas aos servicios dixitais.
Unha das ferramentas, que hoxe en día vai tomando protagonismo é a plataforma BIZUM, que emprega un bo número dos comercios que, entre os seus modos de pago, inclúen esta modalidade, cuxo uso ven respaldado polos máis de 20 millóns de usuarios e os case 700 millóns de operacións realizadas desde o seu nacemento.
Para o popular, un dos beneficios deste método de pago é que non esixe número de conta e ten un uso simplificado, outro dos seus beneficios é que ao ser un servizo ofrecido por canles bancarios, está protexido polos sistemas de seguridade destas entidades.
Este método xa o empregan moitas administracións como as Axencias Tributarias de Galicia, Cataluña, Baleares, as Deputacións de Valencia, Córdoba ou Palencia, ademais dos Concellos de Valencia, Bilbao, Burgos, Salamanca, Ciudad Real, Jerez, Toledo e Zaragoza, entre outros. Os de Madrid e Barcelona traballan na actualidade na modificación da súa plataforma de pago.