O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, asegurou que a proposta do Goberno nacionalista de instalar o sistema da ORA como solución aos problemas de aparcamento no recinto do hospital Clínico “só pode ser un chiste”.

“Tres meses perdidos para nada, desde novembro que o Goberno do BNG non lle traslada á Xunta de Galicia absolutamente ningún documento, remarcou, e o que lle fan chegar agora é unha tomadura de pelo”.

Para o popular toda a veciñanza de Santiago ten que estar a facerse unha pregunta: “cal é a solución do BNG para o problema do aparcamento do hospital Clínico? Ninguén a día de hoxe, o sabe” e destacou que “imaxino que será unha broma que a solución sexa poñer a ORA nos arredores do hospital”.

Borja Verea lembrou que o Partido Popular de Santiago ten “unha proposta seria, solvente, ambiciosa que é ese aparcadoiro en altura dentro do recinto hospitalario, con máis de 1.000 prazas, que xeraría maior comodidade para todos os usuarios do hospital e, ao mesmo tempo, creariamos zonas verdes que mellorarían toda a contorna”.

Para o presidente popular, “esta é unha oportunidade histórica, polo que hai que esixir que a solución sexa integral para arranxar o problema de aparcamento e xerar un espazo urbano e de calidade, é dicir, é necesario dar un paso de xigante que é o que merece o futuro de Compostela”.