O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, denunciou hoxe que o BNG e o PSOE están a destrozar o mercado de aluguer en Santiago, polo que a capital de Galicia sofre “un grave problema de vivenda, “a xente non atopa vivenda de calidade a prezos asumibles, mentres hai miles de pisos baleiros sen utilizar”, polo que lle esixe ao Goberno nacionalista “que poña en marcha fórmulas efectivas que arranxen este grave problema padece Compostela”.
Ante esta situación Verea lembrou que “o Partido Popular propón facilitar que os numerosos inmobles baleiros entren, novamente, no mercado de aluguer, defendendo aos pequenos propietarios e poñendo en marcha distintas iniciativas como é o Bono Vivenda”.
Esta medida permitiría mobilizar numerosas vivendas baleiras, polo que “co millón de euros que o BNG quere gastar en mercar só 3 ou 4 pisos, nós lograríamos sacar ao mercado 300 vivendas de aluguer”, explicou. Con este bono, o propietario recibiría unha renda fixa por parte do Concello e este sería o encargado de xestionar o alugueiro a un prezo asequible, para xente xoven, familias, maiores e persoas sen recursos.
Así mesmo, o líder popular propón un programa de créditos brandos, en colaboración público-privada, que despregue unha estratexia global de rehabilitación. Ademais de fomentar a dinamización de polígonos de vivendas que están pendentes de desenvolver e procurar solucións ‘express’ para os ocupas, 24/48 horas fóra dos pisos que non están pagando.
A xestión política dos populares nesta materia “sería darlle máis seguridade e garantías aos pequenos propietarios de pisos en alugueiro, porque nós queremos que todo o mundo teña dereito a unha vivenda digna”, asegurou.
“Desde o PP, queremos menos impostos, mentres que o “tripartito” aposta por controlar os prezos da xente que quere alugar os seus pisos, e nós queremos todo o contrario, liberdade para os propietarios para facilitar a colocación deses inmobles nos mercados, porque o intervencionismo, algo que parece estar de moda no goberno do Estado, apoiado polo BNG, non é a forma de traballar do Partido Popular” reiterou.
O Partido Popular reclámalle ao Goberno do BNG que asuma a súa responsabilidade e poña en marcha todas as potencialidades que ten, é dicir, todas as fórmulas administrativas, regulamentarias, de planificación de promoción, para acadar en Compostela unha política de vivenda 100 por 100 santiaguesa.
Pequenos propietarios indefensos
Borja Verea lamentou que a única ocorrencia que ten o Goberno nacionalista e os seus socios, no eido da vivenda para Santiago, sexa controlar e limitar os prezos dos alugueiros, que como consecuencia suporá: menos pisos en zonas tensionadas e prezos máis altos, loxicamente, nas zonas onde non se van limitar os prezos.
Verea subliñou que, en Compostela, a falta de seguridade se traduce no medo dos pequenos propietarios a poñer no mercado os seus inmobles, porque temen que non lle paguen o alugueiro; que non lle saian da casa; que lle destrocen a propiedade; e non poder rendabilizar o esforzo de rehabilitación que leva poñer no mercado unha vivenda.
“Nós somos claros e rotundos: non ao control de prezos de alugueiro en Santiago, porque para nós hoxe o problema é o inquilino moroso e extorsionador, a persoa vulnerable, a parte débil, é o pequeno propietario ao que lle entran na casa e non lle pagan”, agregou.
Por isto, o popular engadiu que “se queremos mobilizar máis 6.000 pisos baleiros, temos que darlle certa seguridade a eses pequenos propietarios, que teñen medo a poñer eses inmobles no mercado, porque lle entran e non lle pagan, porque lle fan desperfectos; e, agora, queremos engadir que un concelleiro do BNG lles diga por canto teñen que poñer eses pisos no mercado, para nós é unha auténtica barbaridade”.
Como remarca o popular, ante isto, o Goberno nacionalista e o PSdG o que lles din a uns propietarios preocupados é que o propio Goberno do BNG vai ser o que decida o prezo co que teñen que colocar os seus pisos no mercado, polo que, se esta medida segue adiante, xerará todo o contrario, nas zonas tensionadas desaparecerán moitos inmobles, algo que pasa sempre que se toman medidas de control de prezos.