O vicevoceiro do Partido Popular de Santiago, Jose Antonio Constenla, preguntoulle esta mañá ao PSOE se sigue apostando por apoiar os orzamentos do BNG a pesar de que estes reflicten un aumento na partida de persoal para o exército de asesores dos nacionalistas.
Constenla lembroulle a Muíños as súas palabras hai tan só 3 meses, nas que o voceiro socialista denunciaba que o goberno de BNG era o “máis caro da historia da cidade”. “Por iso gustaríanos saber se é máis importante para os socialistas composteláns a foto duns orzamentos aprobados en plena campaña electoral ou a dignidade política de non consentir o derroche de “máis de 2 millóns de euros” dos que falaba Muíños en outubro.
Apoiando estes orzamentos, o Psoe convírtese en cómplice da nefasta xestión do goberno do BNG, “non se pode tirar a pedra e esconder a man”, salientou o edil popular. “Non se pode enganar aos veciños criticando un día á alcaldesa e ao seguinte dándolles un cheque en branco para que fagan e desfagan ao seu antollo”, como presentar uns orzamentos no que o número de asesores de nivel A1 (máximo nivel salarial) sube de 6 a 14.
Para Constenla, os socialistas perden con este apoio toda a súa lexitimidade como oposición, posto que pasan a ser partícipes da acción do goberno. “Non vale agora que lle reclamen novos investimentos que eles non foron quen de incluír na súa negociación”, destacou.
Así, deixou claro que “estaremos espectantes este mércores 7 de febreiro para ver por o que deciden os socialistas de Muíños, se tirar por o rédito electoral ou pola súa dignididade política como oposición”.
“Se finalmente apoian os orzamentos, está claro que a única oposición lexitimada para pedir explicacións ao goberno nacionalista será o Partido Popular de Santiago”, sentenciou Constenla.