O Partido Popular de Santiago denuncia as condicións nas que ten que disputar os seus partidos de primeira Nacional o Conxo Tenis de Mesa no Pavillón CEIP de Vite, onde a falta de iluminación adecuada desta instalación ten provocado que o propio club teña que improvisar cun balde, un pao e un foco as condicións mínimas para disputar os partidos.

Como sinala o concelleiro popular, José Ramón de la Fuente, o club ten reclamado xa en varias ocasións unha simple instalación de luminarias, posto que as existentes son claramente insuficientes pero, de momento, o Goberno do BNG non foi quen de resolver este problema.

“Desde logo, manifesta De la Fuente, chama moito a atención que para as cousas que lle convén o Goberno nacionalista actúe rapidamente, pero o deporte ten sempre que esperar, non se sabe moi ben a que, nin por que”.

O popular recorda que a concellería de Deportes actuou con inusitada dilixencia no pasado mes de outubro, cando non tivo problemas para tramitar unha transferencia de crédito, desviando 100.000 € presupostados para o Deporte para adicalos a propaganda.

“Para iso, non houbo burocracia que impedira sacarlle os cartos ao mundo do deporte, pero para comprar e instalar dúas simples luminarias nun pavillón, cuxo custe debe poder tramitarse mediante un contrato menor, hai atrancos que a concelleira nacionalista non é quen de resolver”, subliñou.

Non hai necesidade ou problema no deporte en Santiago que o Goberno do BNG fora capaz de resolver nos oito meses que leva gobernando, o que deixa ver o escaso interese que ten nesta parcela de xestión.

“Non só non son capaces de iniciar as obras do pavillón de Vite, licitar as obras de Santa Isabel,
ou realizar un mínimo mantemento no campo de San Lázaro, senón que nin sequera son que de resolver un simple problema de iluminación nun pavillón”, indicou.

Segundo De la Fuente, o Goberno nacionalista “tiña unha oportunidade magnífica de mostrar o interese que teñen polo deporte en Santiago, cunha aposta forte e decidida nos orzamentos recentemente aprobados por BNG, CA e PSOE, segundo eles, os máis altos da historia, pero a realidade é que non hai nada novo, nada que non estivera xa comprometido ou anunciado”.

Finalmente, remarcou que “remataremos o mandato cos mesmos problemas que temos hoxe; ou moito cambia a actitude do BNG respecto do deporte no ámbito das infraestruturas deportivas, ou estes serán uns anos perdidos”.