O Partido Popular de Santiago esíxelle ao Goberno do BNG a retirada inmediata da zona ORA nas rúas da contorna do hospital Clínico, xa que a implantación deste sistema nesta zona leva xerando, desde hai unha semana, diferentes críticas por parte da veciñanza, así como dos propios traballadores e usuarios deste recinto, que ven a medida como unha recadación “ruín, xa que o BNG estase a aproveitar dos usuarios dun hospital”.

O concelleiro popular, Adrián Villa, destacou que, “desde este mércores, momento no que se comezou a sancionar nas rúas de arredor do CHUS, os populares avisamos do afán recadatorio da medida”. “Tamén denunciamos que a iniciativa estaba “plagada” de “chapuzas”, como: fallos nos parquímetros, erros na APP móbil de pago da ORA; e, a maiores, había unha clara falta de planificación, improvisación e descontrol por parte do goberno municipal”.

Unha vez deron comezo as sancións, veciñanza, traballadores e usuarios do CHUS veñen observando como as prazas da zona azul quedan baleiras, o que supón un agravamento do problema de circulación na zona e un aumento de vehículos aparcados no interior do recinto hospitalario.

Villa explica que “os usuarios, ben por descoñecemento, ou polo medo de ser sancionados, no caso de non poder renovar o tícket, ao estar sendo atendidos nas instalacións sanitarias; ou por non pagar este tarifazo, tratan de aparcar dentro do propio ámbito do Hospital.

“É dicir, o goberno nacionalista de Santiago, o que fixo, foi xerar un problema máis que antes non o existía”, subliñou

O concelleiro popular súmase tamén ás queixas da propia veciñanza que, “pagando os seus impostos municipais, ven como o Goberno do BNG lles quita zonas de aparcamento e os obriga a buscarse a vida todos os días”.

“Este feito provoca que teñan que desprazar os seus vehículos a zonas sen ORA, algo que, sen ningunha dúbida, está a xerar desigualdade con outros barrios da cidade nos que, ou ben contan con zona libre de ORA, ou incluso con zona de residentes”, destaca o popular.

Tamén remarcou que “toda a veciñanza compostelá ten moi claro que esta medida, posta en marcha polo goberno nacionalista, ten unha única finalidade, recadar, recadar e recadar, nada máis”.