O concelleiro do Partido Popular de Santiago, José Ramón de la Fuente, visitou a rúa Eira da Palleira, no compostelán barrio da Choupana, onde tivo a oportunidade de falar cos veciños máis próximos ao lugar, onde hai uns días, literalmente afundiuse a calzada ao paso dun camión do servizo de limpeza de Urbaser.
Ante dita situación, o Goberno do BNG está a actuar con pasividade e seguen sen arranxar o problema e sen mirar cal é o motivo polo que ocorre isto. De la Fuente destacou a falta de interese por parte do Goberno nacionalista e amosou a súa preocupación por que este episodio poida repetirse, xa que os servizos municipais non analizaron as verdadeiras causas deste sorprendente suceso, e se limitaron a poñer un parche.
O popular subliñou que, neste mesmo lugar, a pasada primavera ocorreu un suceso idéntico, tres automóbiles que estaban estacionados quedaron atrapados polo afundimento súbito do terreo, “o parche co formigón botado no lugar aínda é visible ao carón mesmo do camión de Urbaser que quedou atrapado agora”, destacou o popular.
“O Goberno do BNG non pode despachar o incidente como un asunto fortuíto e extraordinario, xa que non é a primeira vez que ocorre, algún problema estrutural debe estar afectando ao terreo e ao firme, para que isto se repita en menos dun ano” e sinalou que é responsabilidade do Concello descubrir as causas de que o terreo ceda e se colapse o firme.
O movemento de terras está afectando ás casas adxacentes, e xa son son evidentes as fendas na súa fachada e se están a estender no interior, na cociña da vivenda máis próxima xa son visibles.
Tamén, remarcou De la Fuente, que é evidente, a simple vista, que calzada e beirarrúa presentan socavóns a afundimentos, que fan temer que se repita un suceso deste tipo, onde, “afortunadamente, ata agora non aconteceron desgracias persoais”.
“Son os propios veciños os que denuncian como posibles causas a existencia dun pozo na contorna mal selado, e as frecuentes inundacións que se suceden no cruce entre a rúa Eira da Palleira e a Avenida de Bilbao, que se converte nun auténtico funil ao que desembocan as augas pluviais de toda a zona, e que están a asolagar recorrentemente ás vivendas máis próximas” aclarou.
O popular engadiu que “a veciñanza non teñen porque sufrir unha deficiente planificación urbanística e a desidia administrativa do goberno nacionalista, que ante as denuncias dos veciños da existencia dunha fosa séptica antiga mal selada non fixo absolutamente nada”.