No pasado Pleno, o concelleiro do Partido Popular de Santiago, José Ramón de la Fuente, preguntoulle ao BNG cal era a situación na que se atopaban os centros socioculturais do Concello, logo de coñecer pola veciñanza que, nalgunhas instalacións, se estaban suspendendo actividades polo frío que pasan os usuarios. Romaño, Laraño, Enfesta, Brañas de Sar, Santa Marta, son algúns dos Centros que están a ter problemas, algún de recente construción.

Segundo o popular, os veciños quéixanse porque non entenden que, estando os Centros socioculturais dotados de sistemas de calefacción, pasen frío porque os equipos non funcionan. Laméntanse, así, de estar pagando unhas actividades que non reciben, situación que levan meses padecendo.

De la Fuente comprobou persoalmente como se suspendían actividades pola ausencia dos usuarios, que coñecen ben as condicións nas que se desenvolven esas actividades e, consecuentemente, non asistiron.

Preguntoulle tamén aos nacionalistas se están a facer un seguimento do contrato de mantemento das instalacións térmicas dos centros socioculturais; se se realizan as revisións periódicas contratadas; e quen leva a cabo o mantemento dos que están excluídos no contrato.

O popular afeoulle ao BNG que xustifiquen estes problemas dicindo que “os centros e os equipamentos son vellos”, facendo recaer a responsabilidade nos funcionarios dos Centros, encargados da activación do procedemento de resolución de avarías, cando eles mesmo recoñeceron que os fallos xa comunicados aínda esperan a súa tramitación e a aprobación dunha proposta de gasto, e iso “é unha tarefa que lle corresponde impulsar, supervisar e xestionar ao propio concello”.

De la Fuente remarcou que “non resulta entendible que dispoñendo dun contrato específico para o mantemento de instalacións térmicas, recentemente adxudicado, varios leven meses con equipos avariados, situación que deixa claro, remarca, que “ao BNG se lle atraganta a xestión municipal, sobre todo, a contratación administrativa.

“Os nacionalistas non son quen de licitar, vémolo cos autobuses, non son quen de adxudicar, vémolo coas obras do pavillón de Vite ou Santa Isabel, e non son quen de xestionar os contratos, como vemos co mantemento de instalacións, dedican tanto esforzo á propaganda, que non teñen tempo de ocuparse dos problemas da xente”, subliñou.