Concelleiros do Partido Popular de Santiago fixeron un percorrido pola parroquia de Enfesta, onde comprobaron as numerosas deficiencias que está a sufrir esta zona, sobre todo, chama a atención o lamentable estado da pista que comunica a estrada N-550 coa AC-250, á altura do Forte.
Os populares xa teñen denunciado a falta de atención ao rural por parte do BNG, algo “moi evidente, simplemente con visitar as zonas do rural, pódese contemplar como hai espazos cheos de maleza, beirarrúas intransitables e marquesiñas inutilizadas, é dicir, unha situación que representa un perigo para as persoas, a parte de ser unha contaminación visual”, destacou Nerea Barcia, quen engadiu que “lle reclamamos aos nacionalistas que visiten máis o rural compostelán e atendan as peticións da veciñanza”.
Un dos principais problemas co que se atopan agora mesmo os veciños de Forte, en Enfesta, é a deficiente canalización das augas pluviais, provocando o asolagamento da calzada e nas fincas adxacentes, que xa causou unha fochanca de importantes dimensións, un perigo tanto para o tráfico rodado, como para o paso dos peóns, posto que tampouco existen beirarrúas.
Barcia subliñou que “a confluencia das augas de varios lugares e o paso de camións de grandes dimensións por un camiño de acceso ás fincas están creando un auténtico tapón, a modo de presa, que provoca que as augas que circulan polos regatos se xunten nese punto e os canais non dean abasto para evacuala toda”.
Segundo os concelleiros populares, urxe resolver ese problema, polo que sería necesario abrir unha canalización antes dese lugar, co fin de que a auga de chuvia que se xunta, evacúe cara ao río e non ás fincas dos particulares.
Así mesmo, de xeito urxente, o BNG debe reparar a fenda na calzada, que se converteu nun problema de seguridade vial, e garantir un paso peonil, xa que, agora mesmo, os peóns teñen que transitar inevitablemente pola vía.
Para Barcia o rural merece o mesmo respecto que o resto dos barrios de Santiago, e desde logo o BNG non llo está tendo, “deberían pensar menos en como mover partidas de todas as áreas para pasar asesores e altos cargos e máis en utilizar o orzamento nos veciños e veciñas de Compostela, tamén nos do rural”.