O Partido Popular de Santiago, a través da súa vicevoceira María Baleato, manifesta a súa intención de propoñer Santiago como sede da Convención de Turespaña 2025. E é que, segundo Baleato, “nas últimas edicións as cidades anfitrionas foron Sevilla, Barcelona, San Sebastián ou Tenerife este ano; polo que cremos que Santiago de Compostela debería postularse como candidata para albergar futuras edicións”.

Ademais, a edil popular manifestou que a organización desta Convención en Santiago suporía outorgarlle aínda máis liderado ao noso destino, darlle máis visibilidade entre os profesionais do sector e os propios conselleiros de Turespaña, ademais dun importante impacto económico para a cidade”.

A Convención de Turespaña é un evento anual concibido como un espazo para o encontro do sector turístico público e privado, para o intercambio de información e boas prácticas así como para a reflexión conxunta arredor do desenvolvemento turístico de España, dos seus destinos e empresas. A Convención persegue, tamén, mellorar a eficacia e o alcance da acción de Turespaña a través da coordinación e colaboración con destinos e empresas do sector.