O concelleiro do Partido Popular de Santiago, Borja Rubio, ven de reclamar ao goberno municipal a elaboración dun Plan Estratéxico de Mocidade como se recolle na Lei de Xuventude de Galicia. Un plan para atender as demandas e necesidades da mocidade compostelá.

A situación actual demanda unha atención especial cara este colectivo, máis alá de medidas efectistas como os orzamentos participativos, enfrontando desafíos en áreas cruciais como emprego, educación, cultura, emprendemento, creatividade, servizos sociais, igualdade e participación.

Para o edil popular é un claro signo de abandono a falta dunha folla de ruta dialogada con axentes implicados en materia de xuventude para ter un horizonte claro no noso concello.

Por iso, logo da moción aprobada por unanimidade no mes de decembro, esíxelle ao BNG que traballe e facilite os procesos participativos para a elaboración do plan. Así, Rubio Somoza explicou que “acordouse en pleno traballar para a aprobación do borrador que estaba feito pola anterior corporación e tres meses despois non temos ningunha nova ao respecto”

Borja Rubio insistiu en que “comezo a comprender que non se pode pedir demasiado en certas materias ao BNG pero estaría ben que respectasen os acordos plenarios e máis cando se toman por unanimidade coma o pasado mes de decembro”.

Ademais fixo fincapé en que “nunca na historia de Compostela existiu un Plan Estratéxico para a Mocidade a pesar de ser aprobado no ano 20 e no ano 23 por unanimidade no pleno”. “Nove meses de goberno nacionalista en minoría para non facer nada neste eido”, lamentou.