O Partido Popular de Santiago, a través do vicevoceiro José Antonio Constenla, pediu hoxe a implantación dunha serie de medidas para reactivar o Mercado de Salgueiriños. Así o edil popular salientou que a venta ambulante supón, sobre todo nas persoas de maior idade, a única forma de xerar sustento á comunidade xitana, polo que “non podemos darlle ás costas a un colectivo que está pasando verdadeiros problemas económicos polos cambios nos hábitos de consumo”.
Constenla deixou claro que “desde o PP de Santiago apostamos pola posta en marcha dun Plan de Dinamización da Venta Ambulante para o mercado de Salgueiriños”, como maneira de darlle viabilidade e visibilidade superando así a consideración xeral marxinalista cara ao sector.
Neste senso o vicevoceiro propuxo a creación dunha Mesa de Traballo permanente, onde estean representados os vendedores ambulantes, con capacidade para presentar propostas. Ademais considerou clave a regularización dos mercadillos como forma de integración da comunidade xitana e a contribución ao aumento do número de usuarios.
Para acadar eses obxectivos, destacou Constenla, propoñemos un Plan de Dinamización con 5 medidas a traballar co sector:
- Creación dunha Estratexia de Promoción na que se implementen medidas extraordinarias que modernicen e melloren a imaxe, prestacións, servizos e produtos do mercado, entendendo isto como unha expresión do comercio local e de proximidade. Este programa debe abordarse, sinalou o edil popular, “desde a loita contra a exclusión social, de xeración de economía para colectivos en risco de exclusión, para combatir o antixitanismo e fomentar a diversidade cultural”. A isto engadiríanselle accións publicitarias para lograr unha maior visibilidade social (carteis, autobús ao mercadiño…).
- Mellora das infraestructuras. Habería que plantexarse un cambio de ubicación que evite a deslocalización nunha zona periurbana, ademais de mellorar os servizos que empregan no mercado como poder ser os aseos portátiles.
- Exoneración de taxas municipais. As condicións climatolóxicas impiden en moitas ocasións a colocación dos postos o día que lles correponden mercado, polo que non deberían seguir pagando as taxas cando non poidan exercer a súa actividade económica.
- Mellorar e correxir as limitacións en canto ao horario. Catro horas durante a mañá un día á semana non é suficiente e semella absolutamente incoherente coa liberalización económica xeral, por iso propoñemos autorizar mercadiños especiais con motivo de festas ou celebracións.
- Establecer liñas de créditos e axudas para a venta ambulante. Non parece razoable que haxa axudas e subvencións para outros sectores comerciais da cidade pero non para este tipo de comercio, sempre que estean regularizados. No seu caso as axudas deberían ir dirixidas a poder usarse para a adquisición de novos produtos posto que unha das principais dificultades coas que se atopan é a falta de liquidez para comprar novos stocks de mercancías.