Un simple paseo pola ribeira do Sar ou do Sarela é suficiente para comprobar a grande cantidade de maleza, arbustos e árbores caídos, inertes ou mortos que actúan como tapón que impide o transcurso natural da auga do río e provoca, en certos puntos, acumulacións de grande cantidade de auga que acaba asolagando a contorna máis cercana, o que afecta a fincas e prados e, moitas veces, incluso a vivendas e construcións adxacentes.

O concelleiro popular, José Ramón de la Fuente, indicou que, este inverno pasado produciuse un incremento significativo dos asolagamentos en moitos puntos do municipio con ocasión das choivas, pero a maiores, indicou, “detrás desta situación hai unha moi deficiente supervisión, mantemento e limpeza das marxes dos ríos, que producen taponamentos que provocan asolagamentos”.

“Os propietarios das fincas lindeiras manifestan o seu descontento ante o desleixo por parte do BNG, que ve como se atopa estes lugares e nada fan para evitar os importantes danos que provoca a falta de mantemento”, destacou.

Como exemplo, De la Fuente explicou como, recentemente, desprendeuse unha árbore que caeu a beirarrúa que conduce ao Hospital de Conxo, sen que, nesta ocasión, houbese consecuencias máis alá dos danos materiais.

O popular subliña que a situación xa foi denunciada polo Partido Popular e pola veciñanza, que requiriron a intervención dos servizos municipais para que procederan á limpeza puntual dos lugares afectados, sen obter unha resposta eficaz, rápida e, por suposto, preventiva por parte dos nacionalistas.

“O BNG ignora de forma consciente aos veciños afectados, porque ten coñecemento directo, o que non sabemos é si non actúan por pura incapacidade, como noutras parcelas da súa xestión municipal, ou non o fai porque o seu catecismo verde prioriza o feísmo paisaxístico por riba do benestar dos veciños”, remarcou.

De la Fuente insiste en que “nos preguntamos se a súa promesa electoral de renaturalizar os ríos e mellorar o estado de vexetación da ribeira era isto, deixar que a maleza invada o río e deixar que podreza”.

A realidade é que os nacionalistas “non teñen nin plan, nin calendario e menos un criterio uniforme, que permita prever e anticipar esas incidencias, ademais de programar unha actuación eficaz que eviten estes asolagamentos, polo que mentres se produzan choivas e o BNG non se tome en serio este problema, as inundacións seguirán producíndose, xa que os servizos municipais actúan sempre a posteriori, cando o dano esta causado” insistiu. 

Segundo de la Fuente, “os nacionalista deberían ter elaborado un plan preventivo anual de mantemento das marxes dos ríos que transcorren polo municipio, que garanta a limpeza das ribeiras de maleza, arbustos e árbores caídos, unha actuación preventiva pode evitar moitos incidentes e asolagamentos”.