O líder popular do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, calificou de tomadura de pelo a explicación do BNG sobre as negociacións en secreto coa Sareb.
Para Verea, a xestión da parcela Peleteiro é “un novo exemplo dun BNG desnortado e afogado no caos”. “Parece inconcibible que digan que levan meses negociando en secreto, para que o resultado sexa este fiasco: corenta pisos de luxo e novos hoteis”, sinalou.
O líder popular insistiu en saber “que negociaron? Falaron polo menos co seus socios do PSOE desas negociacións? Son conscientes de que teñen 6 concelleiros?”. Así, lamentou que esta sexa a maneira do BNG de entender a política no século XXI, “negociar en secreto e, cando fracasa a negociación, botarlle a culpa a outros”.
Verea referiuse á política de urbanismo do BNG como “o camarote dos irmáns Marx: venden solo público a construtoras, pero piden vivenda social; prometen legalizar as vivendas de uso turístico noutra quenda de negociacións secretas desas que lles gustan tanto, pero despois, publicamente, non se atreven a facelo”. Así o popular considerou esta actuación un exemplo máis de falla de criterio e rigor á hora de xestionar a nosa cidade, “Santiago merece un executivo que se tome o seu traballo en serio e que non goberne só a golpe de titular dando banzados”. Por unha banda, destacou, “falan de que van arranxar o problema de vivenda en Santiago limitando rendas de alugueiro pero por outro poñen á venda todo o solo público para construtoras privadas en lugar de dedicalo a vivenda 100% social, e agora permiten ademais pisos de luxo na parcela de Peleteiro”.
Neste senso, sinalou o tamén deputado autonómico, “resulta chamativo que o BNG rexeitase a proposta do PSOE no anterior mandato e agora pretender negociar, exactamente, o mesmo en secreto e de maneira unilateral”. “A que está a xogar o BNG?”, preguntouse.