O BNG veuse hoxe na obriga de retirar unha das súas mocións no Pleno ordinario que se celebrou hoxe no Concello de Santiago, despois de debater a moción e xusto antes da votación. Nesta iniciativa, presentada conxuntamente con Compostela Aberta, pretendíase que a corporación instase á Xunta de Galicia a “delinquir” emitindo un informe negativo ao proxecto de construción dunha factoría de pasta de celulosa de Altri en Palas de Rei.
O concelleiro popular, Evaristo Ben, explicou que ademais do despropósito da moción e o ridículo vivido, evidenciouse a falta de criterio do BNG, posto que, no ano 2022, déronlle o seu apoio a este proxecto e agora o demonizan, sen que ningunha característica tivera mudado.
“Ao marxe das proclamas ideolóxicas que pretenden impoñer sobre a realidade e a técnica, hai algo que resulta preocupante polo que revela, é dicir, a vontade que amosan os nacionalistas por orientar os informes e por incidir na apreciación técnica dos funcionarios especializados”, subliñou.
Ante esta situación, o popular preguntoulles que “se pensan que Peleteiro non é o mellor para a cidade, diranlle aos técnicos do departamento de Urbanismo que emitan un informe negativo aínda que o proxecto se axuste ás condicións da legalidade, realmente fan vostedes esas cousas?”.
Ben preguntoulles se de verdade pretendían que a Xunta emitise, aprioristicamente e por mera vontade política, un informe negativo que supoña aprobar unha proposición para delinquir. Así lembroulles que “os informes non os elaboran os responsables políticos; os informes os elaboran os técnicos, conforme a súa independencia e ao seu leal saber e entender”.
Lembroulles que, “si unha vez emitidos, cren que os informes non incorporan a motivación ou o fundamento suficiente, será ese o momento de cuestionalos, nun Estado de Dereito, o parecer político non pode substituír ás condiciones establecidas pola Lei”, subliñou
En relación ao proxecto en si, o popular explica que non pode ser complexo conciliar desenvolvemento e sostenibilidade, pero “os nacionalistas prefiren o simplismo gratuíto e o empobrecemento do non. Hai dous modelos económicos e ambientais para Galicia: o do desenvolvemento sostible, que precisa de traballo e nelo estamos e o do subdesenvolvemento insostible, que esixe proclamas, e é no que están vostedes”.