O concelleiro do Partido Popular de Santiago, Adrián Villa, esixiulle ao BNG que se tomen medidas e se leve a cabo un estudo exhaustivo do estado das instalacións do Refuxio de Bando, así como do incremento preciso en persoal operario e veterinario, para cumprir a Lei de Benestar Animal.
O edil lembrou o que está a suceder neste refuxio municipal desde que, o pasado outono, voluntarios e voluntarias, así como os propios populares, denunciaron publicamente a situación, sen que o BNG tomase ningunha medida.
Villa realizou unha cronoloxía recordando o “demoledor informe da veterinaria”, que indica que, actualmente, non se están a executar as normas que son de obrigado cumprimento para os centros de protección animal como o de Bando. A maiores, puxo de manifesto o lamentable estado das instalacións, a falta de persoal e a saturación que sofren os canís e gateiras.
O popular subliñou que, dentro dunha posición construtiva e dando marxe de manobra aos nacionalistas, a finais do pasado ano solicitouse un incremento no orzamento que, por aquel entón, estaba a elaborar o BNG.
Villa recriminou así o “pasotismo e a evidencia de que o Refuxio non é unha prioridade para o BNG”, posto que non se tivo en conta ningún tipo de medida económica pala paliar a desastrosa situación.
Adrián Villa lamentou que se tivese que esperar ata o Pleno de abril de 2024 para en escoitar aos voluntarios, traballadores e ao principal partido da oposición, posto que entre os estudos, os acordos do Padroado e a posta en marcha das medidas pasará demasiado tempo, algo que pagarán os animais que alí están aloxados por culpa do “tarde, mal e a rastro habitual dos nacionalistas”.