O concelleiro do Partido Popular de Santiago, Borja Rubio, reclámalle ao BNG unha mellora no acceso ás bolsas de comedor escolar, co fin de beneficiar a máis familias con estas axudas municipais.

Rubio explicou, en rolda de prensa, que “é imprescindible garantir que todas as familias, con escaseza de recursos económicos, teñan un acceso xusto ás bolsas de comedor escolar, sen perder oportunidades por mor da elección da bolsa solicitada”. Así mesmo, solicitou que, durante o curso, se poida abrir un prazo extraordinario, para que as familias ás que lle mudaron as súas condicións económicas durante ese tempo, poidan acceder a estas axudas

“Mellorar o acceso a estes beneficios é unha tarefa fundamental, que require vontade política por parte do goberno nacionalista, en minoría en Santiago de Compostela”, subliñou o popular.

Borja Rubio asegurou que hai que establecer medidas novas para que máis familias poidan beneficiarse destas axudas destinadas a cubrir os gastos relacionados coa escolarización dos seus fillos, xa que, na actualidade, as bases permiten aos solicitantes elixir a bolsa que desexan solicitar o que, ás veces, resulta unha perda de oportunidades para acceder a unha axuda mellor ou mesmo quedar excluídos se exceden o límite establecido na convocatoria.

“Para nós é un tema capital que se realicen melloras no reparto das bolsas de comedor escolar e isto pode facerse de forma sinxela, só, reiterou, hai que ter vontade política, algo do que parecen carecer os nacionalistas”.

Finalmente, Borja Rubio manifestou que “espera que o BNG se poña a traballar de inmediato, para que os cambios que se solicitan desde o Partido Popular de Santiago, se poidan aplicar xa na convocatoria do vindeiro curso académico”.