O Partido Popular de Santiago, a través dos seus concelleiros, Nerea Barcia, Adrián Villa e Borja Rubio, calificaron hoxe, en rolda de prensa, como “decepcionante” o programa das festas da Ascensión, organizado polo BNG.
Para Nerea Barcia, a palabra decepción define a “lista de actuacións que se van celebrar nos vindeiros días, tal e como ven ocorrendo desde hai anos. As festas da Ascensión, xunto as do Apostolo, son as máis importantes da capital de Galicia para a súa veciñanza, polo que merecen unha programación para todos os públicos e que estea á altura”.
Barcia lamentou que “os nacionalistas volvan a esquecer os barrios e parroquias, xa que optaron por levar as actuacións que tiñan lugar nos centros socioculturais para locais de hostalaría, algo que podería ser compatible co modelo anterior, pero o que non entendemos é o criterio que empregaron para decidir en que locais si e en cales non, posto que non foi consensuado coa Asociación de Hostalaría”.
Na súa intervención, a popular indicou que “outra das desfeitas é o solapamento do horario nos concertos do mércores, xa que, por unha banda, temos a Orquestra Panorama na praza do Obradoiro e, por outra, na Quintana, está o concerto dos 40 Principales, algo surrealista”, ademais denunciou “a falta de atención ás corais por parte do BNG, ás que non lle encontraron oco na súa programación”.
Aproveitou tamén para darlle a noraboa a todas as comisións de festas de Santiago, “unha porque teñen que soportar o único que os nacionalistas fan por elas, “poñerlles trabas” e, tamén, porque “traballan arreo, ano tras ano”; e, ademais, agradecer a toda a veciñanza que “colabora para facer as festas no rural, onde a programación é admirable, tendo en conta a todos os públicos”. “Seguro, engadiu Barcia, que si as comisións se encargaran de organizar as festas da Ascensión serían moito mellores”.
Falta de programación no eido da xuventude
Pola súa banda, Borja Rubio manifestou o seu descontento pola falta de programación no eido da xuventude, xa que “botamos en falta máis peso nos novos talentos, dos creadores e creadoras do noso Concello”.
Lembrou que “no centro xove da Almáciga ensaian entorno a 30 grupos musicais e nestas festas da Ascensión, tan só, un deles terá a oportunidade de amosar todo o seu potencial, entendemos que tendo trinta grupos de mozos que ensaian neste centro, deberían poderse ter repartido pola programación ou facendo, incluso, citas especiais, co fin de potenciar estes novos talentos”.
Tamén indicou que “se bota en falta unha programación un pouco máis específica para o ramo de idade máis nova, non hai unha proposta clara de actividades de ocio ou educativas e nós entendemos que habería que potenciar máis este sector, coa organización de obradoiros ou outras actividades, aproveitando a rece de centros socioculturais”.
Así mesmo, o concelleiro Adrián Villa quixo deixar claro que o “Partido Popular está a favor da actuación da Orquestra Panorama, pero non podemos esquecer que a nosa responsabilidade é esixir que se faga co informe favorable pertinente, xa que iso significaría que se cumpran todas as garantías”.
Outra das “sorpresas” destas festas é a limitación no acceso á praza do Obradoiro, “sorpréndenos que os nacionalistas tomaran a decisión de limitar decibelios e espectadores, sen saber se con esas medidas imos obter un informe favorable”, remarcou.
O popular tamén incidiu “na falta de protagonismo nestas festas dos centros socioculturais que lle dan vida aos barrios e parroquias da nosa cidade” e tamén remarcou que estas festas serán “moi baixas en contido cultural ou de concertos, onde o BNG preferiu deixarlle o protagonismo a entidades privadas ou a outras administracións”.