O concelleiro do Partido Popular de Santiago, Adrián Villa, asegurou hoxe, en rolda de prensa, que nos últimos días os nacionalistas están demostrando a súa división interna e as súas múltiples contradicións, situación que está a afectar ás súas decisións de goberno. Villa puxo como exemplo o “debate inventado” pola ubicación das atraccións da Alameda, polo que lles reclama que se poñan a traballar a prol dos intereses da cidade.
“Parece que o BNG non ten outra cousa que facer que xerar polémicas absurdas, que non veñen a conto e perder o tempo discutindo entre eles mesmos sobre algo que, neste momento, non entra dentro das prioridades que ten Santiago, que non son poucas.”, remarcou.
Adrián Villa subliñou que a veciñanza compostelá non pode estar a “presenciar un culebrón patético e bochornoso entre os nacionalistas e, o máis preocupante, é que o BNG estase a rir de todos os santiagueses”.
“Os nacionalistas, lembrou, que levan posta a medalla de gran valedores e protectores do patrimonio, son os primeiros que non respectan os informes dos técnicos e as consecuencias diso están aquí, na praza do Obradoiro, e estes mesmos agora son aos que lle preocupa a protección da Alameda”.
O popular remarcou que “falan de protexer a Alameda os mesmos que, cando uns técnicos falaron da protección do Obradoiro, colleron un informe e o trituraron para que ninguén o puidese ver e a esta, “película” sumáronlle agora a polémica coas atraccións na Alameda, nós non imos a ter a irresponsabilidade de soltar ocorrencias ao aire, nos medios e, menos aínda, imos a saír os 11 concelleiros a dicir cada un unha barbaridade maior que xere un debate sen sentido na nosa cidade”.
“Temos moi claro que hai moitas, moitísimas prioridades na cidade nestes momentos e non son a ubicación das atraccións, posto que non existe este debate entre a cidadanía e, no caso de que así fose, este asunto require un análise e consenso interno, non un espectáculo nos medios”, aclarou.
Transporte ao aeroporto
Por outra banda, Adrián Villa felicitouse de que o BNG recoñeza o traballo dos populares e anuncie a reorganización do transporte urbano, concretamente as liñas 6 e 6A ao aeroporto Rosalía de Castro, “xa que, como todos lembrarán, explicou, foi este concelleiro do Partido Popular o que, en agosto do pasado ano, solicitou aos nacionalistas un servizo lanzadeira Estación Intermodal-Aeroporto”.
“Nese momento, destacou Villa, o BNG aseguraba que non era posible, pero a realidade dinos agora outra cousa, por arte de maxia, en 9 meses, o imposible fíxose posible, pero o problema é que a copia non é boa”.
O popular subliñou que “nós denunciábamos que os autobuses da liña 6A saían repletos de pasaxeiros do aeroporto con destino á Intermodal e ninguén máis podía subirse no resto do percorrido”, pois ben, “case un ano tardaron os nacionalistas en darse conta deste feito e, agora, xa sendo unha situación totalmente insostible, reaccionan”.
“É lamentable que o principal aeroporto de Galicia non sexa quen de prestar un trasporte público digno e coherente aos nosos visitantes, pero o que verdadeiramente nos preocupa é que a veciñanza de San Marcos, Lavacolla, Sionlla e do núcleo de San Paio, non poidan empregar o transporte público que pagan cos seus impostos”, destacou.
O edil popular tachou de “trapallada” a solución do BNG, posto que, na liña 6A haberá catro buses, dous farán o servizo lanzadeira e outros 2 farán ese tour turístico por toda a cidade, con 28 paradas e, dependendo do tráfico, tardará máis en facer case 15 quilómetros do que tarda un avión desde calquera cidade de Europa a Compostela.
“Esta nova idea lamentable dos nacionalistas provoca que non se atalle o problema, posto que, a punto de chegar o verán, seguimos tendo un problema grave e serio no que ao transporte de viaxeiros cidade-aeroporto se refire”, engadiu.
Destacou que “estamos comezando os meses máis intensos en canto a turismo, polo que reiteramos a necesidade de que a liña 6A sexa exclusivamente unha lanzadeira ao aeroporto e que a liña 6, tal e como demanda a nosa veciñanza, alongue o seu percorrido ata a rotonda do aeroporto para dar servizo á veciñanza, por suposto, sen entrar na terminal de Lavacolla”.