A concelleira do Partido Popular de Santiago, María Baleato reclámalle ao BNG “máis prudencia e rigor xurídico” nas comunicacións das “súas medidas” sobre fluxos turísticos. Baleato explicou que os nacionalistas veñen de anunciar un convenio coa Universidade de Santiago, para analizar o impacto actual do turismo en Compostela e “avisaron” tamén da súa pretensión de que, a principios do 2025, queren desenvolver “baterías de normativas neste eido”.
Para a popular, isto volven a ser proclamas “baleiras de contido”, posto que, unha vez máis, “os prazos non dan, o que supón que o BNG volve a presumir de querer sacar adiante propostas banais e ociosas”.
María Baleato sinala que “o convenio prevé un prazo dun ano para facer un estudo sobre os fluxos, pero este acordo hai que asinalo e executalo, para despois aprobar as medidas normativas que foran necesarias”, así que “resulta materialmente imposible que, a principios do vindeiro ano, se poidan desenvolver as baterías normativas anunciadas”.
“A realidade, explicou, é que ata xuño do 2025 o devandito estudo non estará elaborado e logo virá a aprobación dunha ordenanza reguladora municipal, que require unha aprobación inicial; unha exposición pública durante, como mínimo 30 días; a resolución das reclamacións, se as houbese; e a súa aprobación definitiva, polo que os prazos non son reais” e, ademais, “as ordenanzas non entrarán en vigor ata a súa publicación no BOP da Coruña”.
A popular sinala que, con sorte, “estaremos xa no 2026” e tamén hai que ter en conta “a celeridade coa que traballan os nacionalistas, só hai que lembrar que non foron quen de remitirlle, á Xunta de Galicia, os informes solicitados con respecto á taxa turística no pasado mes de outubro”.
Finalmente, María Baleto remarcou que, desde o pasado verán, “estamos a ver como o BNG só dá “paus de cego, ademais de anunciar o apocalipse turístico para Santiago, con novas alarmistas e incoherentes”.