O concelleiro popular, José Ramón de la Fuente, lembrou que, xa hai meses, o Partido Popular de Santiago denunciou o incremento da inseguridade na cidade e, moi especialmente, os delitos de tráfico de drogas.

Galeras, Conxo, Almáciga, Ensanche, Figueiras, Santa Marta, a contorna de Xoán XXIII, Vite, Vista Alegre, Casco Histórico e Fontiñas, entre outros, están a sufrir a existencia de puntos de venda de drogas, situación que provoca, ademais das posibles conductas delictivas, problemas de convivencia coa veciñanza máis próxima.

De la Fuente destaca que algunha comunidade veuse mesmo obrigada a contratar seguridade privada, co fin de garantir a seguridade das súas propiedades e a vida ordinaria dos cativos que nelas viven.

“Ningún barrio de Santiago pode escapar desta lacra, polo que se está asentando unha fonda preocupación, pola proliferación de delitos, ademais da aparición de xiringas en parques infantís e en espazos privados e tamén pola presenza, cada vez máis numerosa, de persoas consumindo nas rúas próximas aos puntos de venda”, explicou.

O popular lembra que os delitos vencellados ao tráfico de drogas subiron en 2023 máis dun 7%, desde o ano 2019, un incremento se dispara un 500%.

A pesar do exercicio, sempre profesional, dos seus efectivos, cuxo esforzo non sempre é xustamente valorado, nin sequera polo propio Concello, Santiago de Compostela non pode enfrontar o crecente nivel de inseguridade coa actual plantilla de Policía, tanto Local como Nacional, que sabemos infradotada e insuficiente para atender ás necesidades da cidade, “é unha simple cuestión numérica, coas plantillas actuais non é posible chegar nin sequera a unha parte significativa de lugares conflitivos”, lamentou o edil popular.

Así pediulle aos nacionalistas que “deixen de vanagloriarse falsamente de que temos unha cidade segura e se poñan a traballar en serio no incremento de plantillas”, porque -insistiu De la Fuente- “a veciñanza está reclamando máis axentes na rúa; e a política de persoal que está a aplicar o goberno municipal, lévanos xusto ao contrario, cada vez hai menos patrullas na rúa, e iso nótase moi especialmente no incremento do tráfico de drogas”.