A concelleira do Partido Popular de Santiago, María Baleato, lembroulle hoxe ao BNG que “o que ten que facer é presentar a documentación da taxa turística, que foi ao que se comprometeu na reunión celebrada hai xa máis de sete meses e ten a todo o mundo esperando”.
“Non fixeron o seu traballo, pero non teñen vergoña de reclamar unha nova xuntanza, polo que o que ten que facer o BNG é poñerse a traballar dunha vez e deixar de botar balóns fóra, se miramos atrás vemos que, durante a campaña electoral, parecía que a súa única prioridade era a taxa turística, pero en canto entraron a gobernar e lles pediron a documentación necesaria para poñela en marcha as présas desapareceron, preguntámonos por que?”, remarcou.
Baleato reiterou que “levamos 7 meses agardando a que o BNG faga os deberes e presente a información necesaria para que se tramite a taxa, que fixeron neste tempo?, de verdade que esta é a maneira de gobernar dos nacionalistas?”.
“Os nacionalistas, aclarou, comprometéronse a presentar a taxa turística, seguimos esperando, polo que non entendemos para que quere reunirse coa Xunta de Galicia, será para recoñecer que o goberno de BNG e CA non cumpre os seus compromisos, pedímoslle que deixen de ocultar a súa vagancia, o normal e cumprir o prometido na primeira reunión e, despois, pedir a segunda”.
A popular pediulle ao BNG que deixe de “marear a perdiz e esixir aos demais o que non son quen de facer”, polo que lles reiterou que se “poñan a traballar polo intereses de Santiago e non intenten confundir aos cidadáns, xa é hora de que asuman responsabilidades e expliquen por que está estancada a tramitación da taxa turística”.