O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, amosou hoxe a súa preocupación pola ordenanza para as Vivendas de Uso Turístico que BNG e CA van levar a Pleno.

Verea sostivo que “queda demostrado que Goretti Sanmartín di unha cousa e fai a contraria, como queda reflectivo coa presentación desta ordenanza”. Así, lembrou que “o BNG prometeulle ás familias con VUTS durante a campaña que ía regularizar a súa situación e o que pretende facer agora é ilegalizalas a todas”. Neste senso, salientou, “dunha persoa que minte non se pode un fiar”.

Por outra banda, Verea insistiu na preocupación do Partido Popular de Santiago pola intención do BNG e CA de autorizar milleiros e milleiros de VUTS dous meses ao ano por toda a cidade, “unha medida que vai destrozar o mercado de alugueiro”, lamentou. “Estamos ante outro exemplo da falla de xestión e de rigor deste goberno que defende unhas políticas de cara aos medios de comunicación pero despois os feitos demostran outras, -incidiu- non entendemos que a súa maneira de fomentar o acceso á vivenda das familias compostelás sexa permitir que durante dous meses ao ano calquera vivenda poida ser unha VUT, porque está claro que ese tipo de medidas fomentan os alugueiro temporais e non os permanentes”.

“Tócalle ao BNG e CA explicar que tipo de política de turismo pretenden levar a cabo con estas accións, posto que veñen de conceder 400 prazas hoteleiras, a un fondo de inversión, en pleno corazón do Casco Histótico, no antigo Hospital de Galeras, e sen embargo ilegalizan a 400 familias compostelás que queren alugar a súa vivenda”, instou Verea. “Outro exemplo máis das políticas contradictorias do BNG coas que nos levan sorprendendo no seu primeiro ano de mandato”, salientou.