O concelleiro do Partido Popular de Santiago, Evaristo Ben, reclamoulle ao BNG que inste á Deputación Provincial da Coruña para que colabore co Concello no servizo de teleasistencia domiciliaria e non deixe fóra á veciñanza compostelá. Para o popular, non ten sentido algún que o corte, na colaboración da entidade provincial, se produza nas vilas de 75.000 habitantes, cando Compostela apenas chega aos 90.000 e conta con moito territorio rural.

Ben remarcou que “pedimos que esta prestación chegue a Compostela, onde o custe global dos servizos públicos é maior que noutros municipios máis urbanos; ou que alcance aos residentes das parroquias do rural, un ámbito de actuación propio destas administracións provinciais, co que acadaríamos que, a oferta da Deputación da Coruña, descargase de presión ao servizo de teleasistencia que a Cruz Vermella presta en Santiago, cunha pequena aportación do Concello”.

“Hai moitas persoas, sobre todo, as maiores de 65 anos que viven soas, a pesar de non estar en situación de dependencia, pero atoparían, neste servizo, un apoio que lles ofrece seguridade nos seus propios domicilios”, engadiu.

Para os populares, trátase dunha prestación que é necesario potenciar, “co fin, explicou, de favorecer a autonomía persoal e o mantemento dos nosos maiores nos seus propios fogares e ámbitos comunitarios”.

Evaristo Ben destacou que “os representantes públicos podemos facer compatible o compromiso co Concello de cada un e o compromiso coa provincia ou co conxunto do país e, nese sentido, creo que os organismos provinciais deberían centrarse, especialmente, nos pequenos concellos ou en municipios que, como Santiago, pola a amplitude do seu territorio e o número importante de parroquias e zonas rurais, así o precisan”.

Antecedentes

A Lei galega de Servizos Sociais prevé que as deputacións ofrezan aportacións económicas ou técnicas, especialmente, aos concellos de menos de 20.000 habitantes, pero a Deputación da Coruña ofrece este servizo aos de 50.000, e, hai pouco máis dun ano e medio, ampliou a cobertura para os de 75.000 habitantes, co fin de incluír ao municipio de Ferrol.

Mentres as Deputacións consideren oportunas incluír ás cidades nas súas previsións de gasto, parece oportuno que se empreguen criterios transparentes, lóxicos e equitativos e que non se produzan discriminacións ou exclusións ilóxicas, como pasa co servizo de teleasistencia sanitaria de non dependentes, onde só quedan excluídos dous concellos da provincia, Santiago e A Coruña.