O concelleiro do Partido Popular de Santiago, José Ramón de la Fuente, amosou a súa preocupación pola “desinformación e inconcreción” sobre o plan para o acondicionamento do Estadio “Verónica Boquete de San Lázaro”. Como destaca o popular, “o único que se coñece sobre o mesmo é que a Deputación da Coruña prometeu, segundo afirma o BNG, menos dun 10% dos máis de 9 millóns necesarios para facer fronte aos graves problemas que ten dita instalación”.
“De momento -subliña De la Fuente- o único que temos é unha rolda de prensa para anunciar un plan integral e nada máis, o que evidencia de que nada se fixo, pero se quere aparentar de que algo se está facendo”.
Como explica o popular, “os nacionalistas non falan de prazos; recoñecen que non teñen os cartos necesarios; e ocultan en que consiste o total da intervención, é dicir, non fan nada máis que unha simple propaganda”.
“Botamos en falta que se determine, exactamente, en que consiste a intervención; en que fases se desenvolverá; en que prazos se executará; que administracións participarán; e con que financiamento se conta, polo que, remarcou, non podemos falar de plan, estamos ante unha mera declaración de intencións”.
De la Fuente destaca que “o BNG aínda non falou, nin teñen cita para facelo, con outras administracións, como poderían ser a Xunta de Galicia ou Goberno de España, posto que os nacionalistas pretenden obter, das mesmas, compromisos e orzamentos para afrontar ese acondicionamento”, subliña.
Para o Partido Popular de Santiago, o BNG tivo tempo de sobra e oportunidades para, cando menos, obter certo compromiso de ambas, posto que se entrevistaron xa co presidente do Goberno galego e, aínda que finalmente fracasaron, negociou co PSOE os orzamentos de Sánchez, sen que por ningún sitio aparecera petición ou compromiso algún sobre a urxente intervención no Estadio de San Lázaro.
“O normal é que os nacionalistas convocasen as roldas de prensa cando tiveran algo substantivo que anunciar, non poden estar xogando coas ilusións e o traballo do tecido deportivo da cidade por pura oportunidade política”, aclarou.
Finalmente, o edil popular insiste en que “non parece lóxico dedicar todo un ano a diagnosticar os problemas que ten unha instalación e que obras son necesarias para afrontalos, non parece un bagaxe para presumir, tendo en conta ademais que xa hai anos existe un plan director sobre o estado do Estadio, que unicamente habería que actualizar”.