O concelleiro do Partido Popular de Santiago, Borja Rubio, arremeteu hoxe con dureza contra o BNG pola “paupérrima asignación de 266.666,67 euros ao mantemento dos centros educativos municipais en 2024”, calificando a cifra de “ridícula” e “vergonzosa”.

“Os nacionalistas demostran, unha vez máis, a súa total incompetencia e desprezo pola educación pública. Esta cantidade é unha burla aos estudantes, ás súas familias e a toda a comunidade educativa, posto que os nosos centros atópanse nun estado deplorable e esta asignación apenas servirá para tapar algúns buratos, cando o que precisamos son solucións reais e contundentes”, afirmou Rubio.

Rubio detallou as graves deficiencias que presentan moitas das instalacións educativas da cidade, como os baños do patio do CEIP López Ferreiro; a falta de accesibilidade; o deterioro dos patios; e outros desperfectos, “unhas condicións que son unha mostra clara do abandono e o desleixo do BNG pola calidade educativa e polo benestar dos nosos nenos e nenas”, subliñou.

Lembrou que, en 2020, o mesmo partido que hoxe goberna con menos apoio que nunca na historia da democracia compostelá, solicitou en Pleno un orzamento de 800.000 € para o mantemento dos centros escolares, pero, “agora, cando teñen a responsabilidade, non cumpren co investimento necesario prometido, o que supón unha hipocrisía intolerable e unha falta de respecto escandalosa”, engadiu.

“Esiximos, remarcou Rubio, aos nacionalistas unha reconsideración inmediata destas miserentas asignacións orzamentarias e a adopción de medidas urxentes, co fin de abordar as necesidades críticas de mantemento e reforma nos centros educativos da cidade”.
Finalmente, Borja Rubio subliñou que “non imos permitir que os nosos fillos e fillas sigan padecendo as consecuencias da nefasta xestión dun BNG o ineficaz e despreocupado”.

“É imperativo que se destinen os recursos adecuados para garantir centros educativos dignos e seguros, só así poderemos asegurar unha educación de calidade para todos os estudantes de Santiago de Compostela”, concluíu Borja Rubio.