A concelleira do Partido Popular de Santiago, Nerea Barcia, denuncia que os veciños do barrio de Guadalupe veñen loitando, desde hai meses, para que o BNG proceda á limpeza das fincas municipais ubicadas nesta zona de Santiago pero, a pesar que xa ten entrando o verán, nada se ten feito, o que supón un perigo para veciños e para os inmobles alí instalados.
A popular destaca que estas fincas do Campiño de Guadalupe, anteriormente, “eran particulares e permanecían limpas e, agora, que o propietario é o Concello o seu estado é lamentable e inseguro”. Resulta imposible non lembrar que xa houbo un incendio nesa zona, que causou importantes desperfectos en casas situadas nas inmediacións destas leiras.
“A día de hoxe, a finca municipal atópase chea de maleza, chegando a aparecer ratas e serpes; e a veciñanza está cansa de manifestar as súas queixas ante o departamento correspondente do Concello, sen que nada se faga”, subliñou.
Nerea Barcia remarca que o máis curioso e intolerable é que “mentres os nacionalistas están a multar aos veciños que non manteñen limpas as súas propiedades, permite, sen pudor nin vergoña, que nas fincas municipais reine a lei da selva”.
Finalmente, a popular remarca que “descoñecemos a que agarda o BNG para levar a cabo estes traballos, obrigatorios para o común da veciñanza, que, como se pode ver, comezan moi tarde xa; e cal é seguimento dos mesmos, para comprobar se o que se está a facer se fai axeitadamente e con coherencia”.