O concelleiro do Partido Popular de Santiago, José Antonio Constenla, proponlle ao BNG unha declaración institucional con motivo do centenario do colexio A Inmaculada. O popular destaca que “grazas a este centro educativo, moitos nenos sen recursos lograron labrarse un futuro na cidade, posto que os alumnos incorporábanse aos negocios que dependían da familia Simeón, fundadora do colexio”.
Para o popular, “a cidade, a través do Concello, quere deixar constancia do seu agradecemento a este centro educativo que cumpre 100 anos e a todos os que ao longo destes anos fixeron posible o seu labor asistencial e pedagóxico”.
O edil remarcou a evolución do colexio que, “no ano 1924, a escola empezou a funcionar con cinco clases e 175 alumnos e aos catro anos xa eran 250 e, dous anos máis tarde, construíronse tres aulas novas e a cifra de estudante subiu a 500”.
Entre os seus antigos alumnos poderiamos destacar a insignes profesionais, como o ex presidente da Real Academia de Medicina, José Carro Otero; o catedrático e cardiólogo Alfonso Castro; Manuel Beiras; o dramaturgo Roberto Vidal Bolaño; Juan José Cebrián, sacerdote, historiador e experto na figura do Apóstolo; ou José María Paz Sueiro, primeiro tenente de alcalde do Concello.
Constenla lembrou tamén que, entre os irmáns de La Salle que dedicaron a súa vida a este centro educativo, cabería destacar ao irmán Eliseo, que desempeñou a súa labor nos difíciles anos da Guerra Civil; o irmán Mariano Arnillas, quen formou parte da comunidade durante 61 anos; ou Santos Martín, profesor e posteriormente director da Escola, quen deixou pegada polas súas calidades artísticas e a súa capacidade de organización.
Antecedentes
A historia do colexio A Inmaculada comeza coa chegada a Santiago da familia Simeón, propietarios de diversos comercios e dun banco que leva o seu nome, cando deciden crear unha escola para colaborar na formación da mocidade da cidade, esencialmente a máis humilde, enseguida pensaron na orde relixiosa de La Salle.
José Antonio Constenla remarca que, desde moi pronto, o colexio é coñecido como “a universidade dos pobres”, e dedicábase, sobre todo, a ensinar aos nenos a ler e a escribir e a preparalos para algún oficio. Neste centro, traballábase nos conceptos de lectura, escritura, caligrafía, redacción, cálculo mental ou contabilidade; e todo isto completábase co debuxo técnico, canto, teatro ou deporte.