A concelleira do Partido Popular de Santiago, Nerea Barcia, vén de denunciar a falta de “transparencia, coordinación e xestión” no plan de rozas do BNG en todo o municipio compostelán, posto que xa ten transcorrido unha semana do verán e estes traballos terían que terse iniciado o pasado mes de maio.
Para a popular, o actual ritmo das tarefas de roza, limpeza e mantemento de marxes e drenaxes de viarios, carreiros fluviais e parcelas municipais, que se fai con medios propios e con empresas externas contratadas, “amosa o claro desleixo dos nacionalistas, que non son quen de axustarse ás necesidades e demandas existentes”.
Barcia subliña que, “no último ano, Compostela leva padecendo un serio problema de limpeza, tanto nas zonas urbanas como no rural, polo que son numerosas as queixas dos veciños e veciñas que se veñen acumulando sobre este asunto”.
Esta “situación surrealista é, si cabe, cada vez máis pintoresca, posto que, tras varias preguntas dos populares ao BNG sobre o motivo polo que non se están a realizar estes traballos, as desculpas seguen chamando a atención, xa que, segundo os nacionalistas, no mes de maio non se pode rozar porque chove”.
Nerea Barcia solicitou, en varias ocasión, que o departamento responsable destes traballos explicase cal é o Plan de xestión de rozas, ou no seu defecto, que fixeran público o “suposto” calendario que manexan, pero os nacionalistas seguen sen respostar a estas cuestións.
A falta de atención por parte do BNG a esta problemática é moi evidente, xa que, en moitos casos, son os propios veciños os que realizan estas tarefas, co fin de evitar os perigos derivados pola falta de visibilidade, tanto para vehículos, como para peóns.
Ante esta situación, os nacionalistas deberían explicar que é o que fai a empresa que teñen contratada cobrando unha importante cantidade de cartos, porque non se ven avances nos desbroces, algo que xa ven ocorrendo desde hai anos, polo que sería imprescindible que se introduciran melloras nos pregos de licitación deste servizo.
Co fin de acadar a súa adaptación ás necesidades, deberíanse poñer máis medios para poder cortar a maleza dunha forma máis axeitada, ou ben ter varias cuadrillas, co fin de poder traballar, ao mesmo tempo, polo norte e sur do termo municipal.
Desde o Partido Popular de Santiago, reiterámoslle, unha vez máis, ao BNG que visiten máis o rural compostelán e atendan as petición da veciñanza, posto desde a última reunión mantida coa concelleira de Medio Rural, “seguimos sen saber o que está a acontecer coas rozas e o mantemento do rural de Santiago”.