A concelleira do Partido Popular de Santiago, Yolanda Otero, propón a posta en marcha dun Plan Municipal de Inmigración, é dicir, que estableza un marco común de referencia que articule as liñas de actuación do concello en materia de migración nos vindeiros anos.
“Suporía unha ferramenta que garantiría a acollida de inmigrantes, a súa integración social, cultural e económica e a potenciación da convivencia intercultural na cidade”, destacou a popular.
Este Plan debe conter obxectivos, medidas e actuacións dirixidas ás persoas migrantes, nas que se aborde as súas necesidades de forma integral e dende unha perspectiva inclusiva, lonxe de prexuízos e estereotipos.
“Grazas a isto, engade, obteríase a integración efectiva e a mellora das relacións, ademais da cohesión e convivencia coa veciñanza, sexa cal sexa a súa procedencia cultural, a través dunha estratexia municipal dirixida a este obxectivo”.
O resultado será un marco común que recolla o conxunto de actuacións levadas a cabo polas diferentes areas municipais, coa colaboración das organizacións sociais que traballan pola integración e a promoción da poboación inmigrante, avanzando así na efectiva participación das persoas inmigrantes na vida social, económica, política e cultural da cidade.
Como indica Yolanda Otero, “Santiago debe contar cun instrumento que incida na mellora da calidade de vida das persoas que escolleron esta cidade para desenvolver o seu proxecto de vida, das persoas que se viron obrigadas a deixar a súa casa e país pola súa situación, polas desigualdades, pola guerra ou pola falta de oportunidades”.
Antecedentes
O 25 de setembro de 2015, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas aprobou a Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible, un marco político internacional que os Estados membros das Nacións Unidas asumiron como folla de ruta para a sostinibilidade das vidas das persoas dende unha perspectiva social, cultural, económica e medioambiental.
Na mesma, defínense 17 obxectivos de Desenvolvemento Sostible e 169 metas que conectan de xeito directo a acción internacional, nacional e local, e sitúan as cidades e aos seus gobernos como coprotagonistas dos procesos e decisións políticas que conducirán a súa efectiva consecución no ano 2030.
Santiago é un lugar de acollida dunha importante poboación inmigrante, proba disto é que a poboación estranxeira, con respecto ao total da poboación municipal, supera o 6 %.
Finalmente, a popular lembrou que “a inmigración implica oportunidades de desenvolvemento e crecemento para toda a sociedade, máis tamén demanda unha política migratoria local integral, que teña en conta todas as dimensións da inclusión e a convivencia interrelacionadas entre si e con mecanismos efectivos de coordinación entre as diferentes areas de goberno e de participación das entidades sociais”.