O concelleiro do Partido Popular de Santiago, José Ramón de la Fuente, vén de solicitar ao BNG a instalación de pantallas xigantes na praza Roxa o vindeiro domingo, día 14, para que os cidadáns e afeccionados poidan compartir a final da Eurocopa 2024, na que a selección española pode converterse, de novo e por cuarta vez, campiona de Europa.
Segundo o Partido Popular, a clasificación da Selección Española de Fútbol para a gran final, xera unha enorme ilusión entre afeccionados e cidadanía en xeral, polo que demandan un lugar público onde compartir o encontro e festexar xuntos a que pode ser unha grande vitoria.
“A posibilidade de ver a final nun ambiente comunitario, nun lugar público, fomentará o espírito de unión e confraternidade entre a veciñanza e ofrecerá unha alternativa segura e controlada para as persoas que desexen gozar do evento en compañía”, subliñou De la Fuente.
Para o popular, a praza Roxa sería o lugar idóneo, posto que se trata dun espazo céntrico, de fácil acceso e de gran capacidade, que pode acomodar un gran número de persoas con seguridade.
Xunto coa instalación da pantalla, o Partido Popular solicitou que se adopten todas as medidas de seguridade necesarias, incluídas as de control de tráfico rodado; presenza de Policía local e membros de Protección Civil, ademais da prestación de servizos sanitarios adecuados, co fin de garantir que a xornada se desenvolva con normalidade e nun ambiente de confraternidade.
De la Fuente lembra que, cando foi a final do Mundial feminino, xa solicitáramos a instalación de pantallas, pero o BNG non tivo en conta a nosa solicitude, polo que esperamos que nesta ocasión teñamos máis sorte.