O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, propuxo a creación dun programa cultural centrado en catro obxectivos: converter Santiago en referente dos movementos de vangarda; enriquecer a axenda cultural; apoiar aos artistas locais; e fomentar o uso do galego, potenciar, en definitiva, a nosa entidade cultural
Verea subliña que “Santiago ten todas as características para poder ser un referente e liderar os movementos culturais de vangarda, ser ese gran contedor cultural en todos os ámbitos: musical, audiovisual, artes escénicas e, sobre todo, o máis importante, que todos estes sectores poidan dialogar entre eles”.
“Hoxe, destaca o popular, na cidade, non existe un coloquio fluído entre os dirixentes e as nosas potencialidades, está claro que é difícil competir coas grandes multinacionais ou coas grandes urbes, pero o noso camiño debe de ser outro, temos que apostar por formatos medios e de vangarda, integrados na textura urbana”.
Remarcou que “Compostela ten demanda interna de proxectos culturais de calidade e moita capacidade para que os nosos produtos sexan un atractivo para novos perfís de visitantes, os que se escapan dos grandes números e que buscan experiencias diferentes”.
Verea engadiu que “os axentes culturais de Santiago teñen que ser os verdadeiros protagonistas, porque son os que coñecen, en profundidade, a cidade e porque son os nosos mellores embaixadores. A cidade ten moito potencial, porque hai moito talento para xerar contido, pero, desde o PP de Santiago cremos que falta unha estratexia para sacar isto adiante”.
O líder popular indicou que “existe unha preocupación importante pola nosa materia prima no eido da cultura, que, sen dúbida, son os nosos artistas, xa que, sen eles, non hai cultura, a cidade é un niño de artistas e tamén de axentes culturais, de festivais propios e de empresas culturais, pero estamos perdendo, ano a ano, esa marca única que tiñamos a finais dos 90 ou principios dos 2000, de ser ese epicentro cultural indiscutible de toda Galicia”.
A cultura compostelá ten que ter unha dimensión patrimonial e identitaria, que necesita, sobre todo, a protección do goberno local, xa que o potencial creativo que ten a cidade pode levarnos a unha mellor calidade de vida, a unha maior proxección internacional e a un mellor equilibrio da oferta turística.
O popular insistiu en que “moitos dos artistas composteláns teñen serias dificultades para atopar plataformas onde mostrar o seu talento”, polo que deberíanse artellar liñas de subvencións para que, por exemplo, os centros educativos ou as asociacións poidan contratar aos nosos artistas ou ampliar a oferta cultural dispoñible”.
Isto permitirá chegar á xente máis nova, pero tamén ao público en xeral, “contando cunha programación diversa e de calidade, en definitiva, educar na cultura e na participación, promocionando, a través de liñas administrativas e orzamentarias, obxectivos como o uso do galego, a igualdade de xénero e a colaboración comunitaria”.
“Cun enfoque, explicou, que contribúa a crear un entorno cultural máis xusto e equitativo, onde escoitaremos novas voces e fortaleceremos o tecido social e a colaboración entre centros educativos, asociacións e artistas locais, o que fomentará un sentido de comunidade e solidariedade, que será un paso máis para recuperar ese epicentro cultural que sempre foi a nosa cidade”
Para conseguir isto, desde o Partido Popular de Santiago “levamos meses poñendo propostas sobre a mesa, e agora traemos outra máis porque entendemos que falta unha política cultural seria por parte do BNG, que nada fixo neste ano de goberno, só seguir a inercia e o continuísmo do anterior goberno”, lamentou Verea.