O Partido Popular de Santiago pide que se cese aos asesores e altos cargos creados polo BNG e se destinen estes fondos, é dicir, 1,4 millóns de euros, a traballar por un turismo sostible, volvendo á estrutura do goberno de Sánchez Bugallo e así dedicar o custe extra á creación de políticas para un turismo responsable, o que suporía unha mellora, por exemplo, na limpeza ou a seguridade.
A concelleira popular, Rosario Ferreiro, aclara que o goberno do BNG, composto por 29 persoas, entre concelleiros, asesores e amigos, está a custarlle aos veciños de Santiago máis de 8 millóns de euros, o que significa un gasto “escandaloso e unha tomadura de pelo a todos os cidadáns”.
A popular remarca que, só en asesores, os nacionalistas incrementaron de 8 a 13, cun custe 720.000 euros; e contan con 8 altos cargos, o que lles supón aos santiagueses 680.000 €, pero a estes números hai que engadir as dedicacións exclusivas, que elevan estes cartos en máis de medio millón de euros.
Destaca así que “este despropósito de persoas supón, por exemplo, o dobre de persoal do que tiña o goberno de Sánchez Bugallo, é dicir, pasaron de 8 asesores que tiña Bugallo a 13 que ten o BNG agora; e de 5 altos cargos, na actualidade contan con 8”.
Ferreiro destacou que cada un dos altos cargos que na actualidade ten o goberno do BNG conta cun salario medio de 75.000 euros, unha nómina superior, por exemplo, á dun conselleiro da Xunta de Galicia e, a maiores hai que lembrar que a propia alcaldesa incrementouse o soldo en 6.000 euros, cobrando o que supón case un 12% máis que o anterior alcalde.
“Estamos ante un goberno minoritario, soberbio, sectario e incapaz e, cada semana que pasa, insisten en demostrar, coa súa maneira de xestionar a cidade, que estamos no certo denunciando esta situación desde o principio”, subliñou a popular.
Rosario Ferreiro insistiu en que Compostela “está a padecer un grave problema de falta de xestión, que para solucionalo esixe vontade política, capacidade e pericia, precisamente, características coas que non conta este goberno rancio e sen ideas, que o único que se lle ocorre propoñer é xusto o que non hai que facer, inflar de altos cargos e asesores a estrutura, co que o único que se vai conseguir é ralentizar, aínda máis, a Administración local, polo tanto estamos ante un erro de xestión, un erro político e un erro de soberbia”
Cando xa ten pasado un ano desde o inicio deste “despropósito de goberno nacionalista”, está claro que “todo este conxunto de concelleiros, altos cargos, asesores e amigo non teñen nin idea do que hai que facer para construír o Santiago do futuro”.
A concelleira popular lembrou que “cando goberne o Partido Popular anularemos a contratación de todos estes altos cargos e destinaremos estes fondos ás políticas que para nós son prioritarias, como demostramos nos últimos plenos e no noso programa de goberno, “investiremos en política de vivenda, poñendo en marcha o bono alugueiro social para xente que necesita unha vivenda; en políticas sociais, para axudar na compra de libros de texto e poñer en marcha cociñas escolares; e nun programa específico para combater a soidade dos nosos maiores”.