O concelleiro do Partido Popular de Santiago, Borja Rubio, presentará no pleno municipal desta semana unha proposta para axilizar os pagos das bolsas de comedor, material escolar e actividades extraescolares que o Concello de Santiago de Compostela concede a través do Departamento de Servizos Sociais. Esta iniciativa busca resolver os atrasos que están a afectar ás entidades colaboradoras encargadas de prestar estes servizos esenciais.
“As entidades colaboradoras están a sufrir graves problemas financeiros debido aos retrasos nos pagos por parte do Concello, que poden chegar a acumularse durante 3 ou 4 meses. Esta situación é insostible e pon en risco non só a continuidade dos servizos, senón tamén a estabilidade do persoal dalgunha destas entidades,” declarou Borja Rubio. “O actual desleixo do goberno municipal para mellorar esta situación é inaceptable e está a prexudicar tanto ás familias beneficiarias como ás entidades que prestan estes servizos fundamentais.”
A proposta que Borja Rubio levará a pleno inclúe implementar as medidas necesarias para que os pagos das bolsas de comedor e actividades extraescolares ás entidades colaboradoras se realicen de maneira máis áxil e dentro dun prazo razoable, evitando así demoras que poidan afectar a súa sustentabilidade financeira, así como estudar a posibilidade de realizar o pagamento do 50% por adiantado ao inicio da prestación dos servizos.
“O noso obxectivo é garantir que as familias beneficiarias poidan contar cun servizo de calidade e que as entidades colaboradoras non teñan que asumir a carga financeira dos atrasos nos pagos,” engadiu Rubio. “Instamos ao goberno municipal a que actúe con responsabilidade e tome as medidas necesarias para solucionar esta problemática de maneira urxente.”