O concelleiro do Partido Popular de Santiago, José Ramón de la Fuente, vén de denunciar o estado “deplorable e de abandono” das pistas deportivas de tenis da avenida Rodríguez de Viguri, as únicas municipais de acceso libre que existen na cidade; que levan máis dun ano, como diciamos, nun estado lamentable, que fai perigoso que sexan empregadas por calquera, pero a realidade é que o BNG non ten feito nada en todo este tempo, nin as arranxa, nin pon restricións de acceso e uso.
“Por todo isto, explicou o popular, esiximos a inmediata reparación e execución das obras necesarias para a posta en funcionamento para a práctica do deporte destas instalacións e rematar, así, a perigosa situación na que se atopan, algo completamente incomprensible”.
De la Fuente explicou que os propios servizos municipais alertaron de que as pistas presentan un mal estado de conservación, teñen unha deficiente planimetría, as redes e peches están en mal estado e a iluminación é insuficiente, ademais de insistir en que é necesario mellorar a accesibilidade.
O Concello, en lugar de iniciar un procedemento de licitación para o acondicionamento das tres pistas, no ano 2023 tramitou varios contratos menores para intervir nunha soa, nun claro exemplo de fraccionamento e desleixo”, indicou o edil popular.
Para José Ramón de la Fuente, “se foran dilixentes agora deberían estar as tres pistas acondicionadas e en perfecto estado, pero a realidade é que, a día de hoxe, non se pode usar ningunha, na que se interveu tampouco, o que supón que os nacionalistas se gastaron máis de 50.000 euros nunha actuación nunha soa pista e, a día de hoxe, tampouco está en condicións para a práctica do deporte”.
Así mesmo, o popular denuncia que o pouco que se fixo está mal feito, xa que, en contra do que contempla o proxecto, realizouse a colocación da soleira enriba da existente provocando que a pista estea elevada respecto do chan da instalación, polo que tal e como esta agora, non é apta para a práctica de deporte, polo perigo que supón a existencia de distintos planos.
Ademais, está sen retirar o encofrado armado; na iluminación e na accesibilidade, nada se fixo; hai acceso libre á pista, polo que, agora mesmo, pode inducir a calquera a pensar que se pode usar, polo que o BNG debería explicar tamén quen asumirá a responsabilidade polos danos que poda sufrir algún usuario polo estado da pista.
Finalmente, José Ramón de la Fuente subliñou que cómpre que a concellería de Deportes axilice, canto antes, a licitación das obras da fase II, co fin de emendar as deficiencias detectadas polos servizos municipais e que se poidan usar para o que están concibidas, poder xogar ao tenis sen riscos.