A concelleira do Partido Popular de Santiago, Olaya Otero, lamentou hoxe a insistencia do BNG en prohibir o Himno de España no día de Padrón en Santiago, un acto no que sempre soou ata a chegada dos nacionalistas.
Para a edil popular este feito “é un síntoma máis de que o BNG o único que busca con esta prohibición é a división, posto que prohibir o himno é un desprezo á maioría dos composteláns”.
Hai dúas maneiras de gobernar -salientou Otero Sanjurjo-, por un lado está a de Borja Verea, que busca o consenso e asiste a todos os actos da cidade, incluído o Alba de Compostala que, recordemos, foi creado polo BNG. E por outro lado temos as formas de Sanmartín e os nacionalistas, que gobernan só para uns poucos, os seus, e fallan ao respecto a maioría dos composteláns faltando ao acto máis importante da cidade como é a Ofrenda ao Apóstolo na Catedral ou prohibindo, como sucedeu hoxe, que se toque o Himno de España no día de Padrón en Santiago.
Así, destacou a edil, “estamos ante un exemplo máis do sectarismo do BNG, que antepón a súa ideoloxía aos intereses dos nosos veciños”. Nese senso, sinalou que “o goberno máis minoritario da historia de Santiago ten que gobernar para todos os composteláns e sobre todo respectar a vontade democrática da corporación municipal, posto que, con esta nova prohibición do Himno de España, están rachando co acordo que se tomou en Pleno en 2023 de que si soase o himno neste acto, tras a mesma polémica do ano pasado”.