O concelleiro do Partido Popular de Santiago, José Ramón de la Fuente, lamentou a decisión do BNG de cambiar o dobre sentido de circulación da Rúa Corgo, no Meixonfrío, e impoñela de dirección única, entrada desde a Rúa Cañoteira e saída á Rúa do Tambre.
Para o edil popular resulta sorprendente que os nacionalistas leven a cabo este cambio cando o anterior goberno o desbotara por non contar coa aprobación da maioría da veciñanza afectada.
Así, sinalou De la Fuente, “estamos ante un novo exemplo da falta de diálogo entre o BNG e os veciños, que se opoñen a dito cambio e non foron tidos en conta á hora de tomar a decisión que tanto afecta ás súas necesidades de moblidade”. Por iso, o edil popular entende que se sintan prexudicados e agraviados respecto doutros lugares nos que, dándonse a mesma problemática do ancho da vía, mantense con total normalidade a dobre circulación de tráfico rodado de automóbiles.
Para o PP de Santiago, “a prioridade debería ser acondicionar o vial para que siga sendo de dobre circulación en lugar de poñela de sentido único e listo”. De la Fuente destacou que “cada día que pasa súmanse máis exemplos da falla de xestión do BNG, que en lugar de garantir facilidades na mobilidade o que fai e entorpecela”. Así, “esta decisión parece obedecer máis un interese particular en lugar de buscar o benestar de toda a veciñanza, e -continuou o edil popular- os espazos e retranqueros actuais permiten unha intervención sen complicacións nin demasiado custo”.