O concelleiro do Partido Popular de Santiago, José Ramón de la Fuente, amosou hoxe a súa preocupación pola falta de criterios obxectivos na formalización dos convenios cos clubs deportivos da cidade.
Así, De la Fuente sinalou que, ante esta situación, “é entendible que as entidades deportivas se pregunten cales son realmente os criterios avaliables obxectivamente para poder acceder á financiación municipal”. Nese senso, o obxecto, as condicións es as partes intervinientes nos Convenios actualmente vixentes repítense sistematicamente ano tras ano, polo que “sería de sentido común que houbese uns criterios para formalizar este tipo de axudas”, engadiu.
Do contrario, cunha ausencia de baremo estandar, poderiamos caer nunha aparente xestión caprichosa e xerar certa sospeita de arbitrariedade”, alertou o edil popular. Por iso, “mellorar a transparencia na formalización de convenios, con un proceso regrado, obxectivo, equitativo, universal e claro, que hoxe non existe, é unha reivindicación dos axentes deportivos da cidade que, cremos, chegou o momento de atender, demandou.
E é que para o PP de Santiago é unha prioridade que os clubs e entidades saiban que poden acceder a unha ferramenta xurídica que o Concello pon á súa disposición, sempre que se cumpran as condicións e os requisitos que obxectivamente se establezan e a consecución dos logros que se determinen. Para De la Fuente “esta sería unha boa maneira de acabar así coa imaxe que actualmente teñen deportistas e clubs de que non hai na relación actual de convenios formalizados polo Concello no ámbito deportivo máis criterio que a simpatía por un deporte ou entidade determinada”.
Por iso, destacou o edil popular, “propoñemos elaborar unha regulamentación municipal que determine os criterios deportivos obxectivos que xustificarán e condicionarán a formalización dos convenios, importes económicos máximos vinculados aos criterios deportivos, compromisos que deberán adquirir as partes e condicións baixo os que se formalizarán a totalidade dos convenios con clubs, asociacións, entidades e federacións deportivas operativas na cidade”, e instou ao BNG a “poñerse a traballar xa na procura desa normativa”.