O concelleiro do Partido Popular de Santiago, Adrián Villa, denunciou hoxe, en rolda de prensa, unha vez máis, o deplorable estado do transporte público, o que está a supoñer “un perigo para os usuarios e un importante burato no peto dos composteláns”. “Cada día que pasa, resulta máis preocupante e grave a situación deste servizo”, subliñou o popular.
“A finais do pasado mes de xullo, eran os propios traballadores os que falaban sobre a situación da flota, á que definían de moi perigosa; graza a isto retiráronse da circulación catro autobuses aos que non lles funcionaba o aire acondicionado, cando rozabamos temperaturas superiores aos 30 graos, cos consecuentes prexuízos para traballadores e usuarios”, incidiu.
Tamén subliñou Villa a preocupación do propio comité de empresa sobre as constantes avarías, a última delas o 23 de xullo, sobre as 14 horas, na praza de Galicia, provocando un caos circulatorio considerable, nun punto neurálxico da cidade.
“O problema está na falta de mantemento, incluso nos 21 autobuses que o BNG alugou e que supoñen ás arcas públicas máis de 100.000 euros ao mes, un custe que, de non saír adiante o contrato neste mandado, significará máis de 4 M €, por uns vehículos usados e que non se engadirán á frota municipal”, agregou.
Lembrou que, en decembro do 2023, “o Partido Popular solicitou unha auditoría externa, independente e realista, que permitise coñecer ao detalle o estado da frota”. A realidade é que esa auditoría non chegou, tan só existe un documento interno moi pouco esclarecedor que está nun caixón dos nacionalistas e, o que é máis preocupante, non serviu para que se tomase medida algunha”.
“Todos sabemos que o contrato está en precario, caducado desde 2016, tendo como culpables desta situación, é dicir, chegar ao 2024 sen un transporte público digno da capital de Galicia, a tres gobernos diferentes, pero 3 socios permanentes ao fin e ao cabo”, explicou Adrián Villa..
O edil popular indicou que “o motivo polo que volvemos a pór enriba da mesa o transporte público é porque o último que sabemos é que a mediados do pasado mes de xullo o novo contrato aínda estaba sen remitir á Oficina Nacional de Avaliación e hai que lembrar que, no anterior intento por sacar este contrato, esta oficina, sita en Madrid, tardou seis meses en dar unha resposta”.
“Tendo isto en conta, agregou, e que nos atopamos no mes de agosto, estamos a falar de que, no mellor dos casos, o BNG non tería recibido contestación ata finais do presente ano, o que converte esta situación en surrealista e desesperante e, coma sempre, os que están a sufrir o desleixo e o pasotismo dos nacionalistas son os cidadáns de Compostela, que pagan este servizo público”.
Por todo isto, explicou o concelleiro popular, “queremos reiterar unha advertencia vertida no pasado pleno municipal, o PP leva avisando e, cando pase algo grave, eximirémonos de responsabilidades, porque só as ten o goberno nacionalista”.
“Parécenos unha falta de respecto que o BNG decidise utilizar os remanentes na compra de multamóbiles e grúas en lugar de investilos na mellora do noso transporte urbano, polo que esiximos unha vez máis, transparencia e unha reacción, xa que o responsable de que este servizo público funcione con todas as garantías para os usuarios é o goberno nacionalista”, remarcou.
Adrián Villa resaltou que “transparencia é sacar á luz esa auditoría xa realizada segundo o goberno, pero nós volveremos a solicitar unha externa e independente, para coñecer a realidade; e reacción é pór solucións enriba da mesa, avaliando ben os prazos que quedan por diante, xa que son moitos meses os que faltan para obter o novo contrato que terá un custe de 286 M€ e permitirá a chegada dos tan necesarios autobuses, algo que, por desgracia, probablemente transcenderá de meses a anos”.
Así mesmo, “nos últimos meses, fomos quen de observar que o deterioro xa transcende máis aló dos propios buses, xa que se están a detectar numerosas problemáticas que afectan, sobre todo, á liña do aeroporto, a 6A, provocando incidentes entre condutores e pasaxeiros pola falta de información; fallos continuados na aplicación Máis BUS, a única APP que permite coñecer os horarios e a localización ou espera; e a considerable redución das frecuencias no verán, o que provoca numerosas queixas por parte da veciñanza”, engadiu.