A concelleira do Partido Popular de Santiago, Nerea Barcia, reitera a súa denuncia en materia de rozas no termo municipal e a asegura que o BNG estase a rir dos veciños posto que, pasada a metade do verán, “Santiago está a monte, temos a cidade convertida nunha verdadeira selva”, por non terse realizado os traballos de roza e limpeza de fincas municipais.
Barcia asegura que “o que, ata o de agora parecía que era un problema que soportaban, de forma indecente, só os habitantes do rural, nun ano, os nacionalistas “conseguiron a triste meta” de que sexa un problema grave para toda a cidade, xa que afecta tanto a xardíns, como a gabias ou mesmo as medianeiras e cruces das estradas, o que supón un perigo tanto para peóns como para vehículos, ao dificultar gravemente a visibilidade”.
“A imaxe de todo Santiago é de total abandono, xa que a maleza crece sen control, tapando sinais de tráfico; e un escenario de herba seca de gran altura, nos distintos espazos, ata agora verdes, de Compostela percorre a cidade; e esta situación repítese por calquera punto cardinal da capital de Galicia”, insistiu.
A edil popular insistiu en que da igual desprazarse ata a avenida de Barcelona, ou aos distintos barrios e parroquias: Fontiñas, Meixonfrio, Salgueiriños, Vite, Nemenzo, Sar, San Lázaro, Amio, Lamas de Abade, a rúa da Caramoniña, Angrois, a Choupana, San Xoán de Fecha, Conxo, Busto ou mesmo, entre outros, o monte Pedroso, que ademais do perigo para peóns, ciclistas e vehículos, é unha zona moi sensible en cuestión de lumes;
Nerea Barcia afirmou que, “tristemente, isto era algo que se sabía que ía a pasar, posto que o BNG xa enganou aos santiagueses “escondendo” o calendario de rozas e os retrasos destes traballos foron a tónica xeral, chegando así á primeira semana do mes de agosto cos deberes por facer”.
Así mesmo, destacou Barcia, son moitos os veciños que recibiron advertencias do Concello de que ían a ser sancionados se non procedía a limpar as súas fincas, tal e como indica a ordenanza, pero, subliñou, “o que non é de recibo, é que os primeiros en saltarse a normativa sexan os propios nacionalistas tendo moitas fincas municipais en total abandono, cando son os primeiros que terían que dar exemplo”.
Por todo isto, desde o Partido Popular, reclamámoslle ao goberno nacionalista que traballe e se tome en serio á cidade, “xa que a Santiago, subliñou, non pode seguir nestas condicións, sobre todo, tendo en conta que estes traballos, como os das rozas, tiñan que ter empezado en abril e, a estas alturas do ano, sobradamente rematados”.
A popular reitera a denuncia que leva facendo o Partido Popular de Santiago desde hai meses: “só percorrendo rúas e barrios composteláns, agregou, é sinxelo ver os bordes das beirarrúas sen arranxar e cheos de herbas e maleza, o que supón graves inconvenientes para o tránsito de persoas e unha pésima imaxe que se proxecta da cidade”.