A concelleira do Partido Popular de Santiago, Olaya Otero, destacou a total falta de compromiso do BNG co polígono da Sionlla, despois das “desconcertantes” declaracións dos nacionalistas sobre a situación na que se atopa esta infraestrutura. “Visto o que falan, o primeiro que cabe preguntarse é, si realmente, coñecen o significado da palabra “prioritario”, xa que as súas accións demostran todo o contrario” subliñou.
No mes de xullo, explicou, “presentamos unha pregunta sobre a situación na que se encontra o polígono como consecuencia da falta de mantemento, esperando, dada a importancia do asunto, unha resposta clara e orientada a dar solución a un problema que leva anos enquistado pero, como ven sendo habitual cos nacionalistas, a contestación foi só un acto de evasión”.
Olaya Otero destacou que, “pasados xa dous meses da formulación da pregunta, o BNG di, a través da prensa, que para eles “é un tema prioritario” e que empezarán a actuar ao respecto en setembro”. Para a popular, resulta inexplicable que, un problema que leva anos sen resolver e coas consecuencias que provoca dita falta de mantemento, continúe a pospoñerse.
É importante recordar que Xestur, a entidade responsable de redactar os estatutos, leva anos enviando borradores dos mesmos aos diferentes gobernos – CA, PSOE ou BNG- sendo rexeitados de forma sistemática.
Otero destacou que o Concello non reaccionou, nin sequera, cando en maio de 2022, Xestur comunicoulles formalmente que non podería seguir levando a cabo o mantemento das luminarias, debido á normativa de contratación que lle é aplicable e tampouco fixo nada ante ás diferentes solicitudes de documentación, que dende o mes de abril, lles ten enviado a entidade autonómica.
“Isto demostra, insistiu a edil popular, claramente, a falta de interese e compromiso do BNG coa situación do polígono, infraestrutura que, por mor do escaso mantemento e a iluminación deficitaria, soporta un grave problema, que, ademais, xera situacións de inseguridade e afecta negativamente á súa capacidade económica para atraer novas empresas” incidiu.
Finalmente, Otero remarcou que “parece que haberá que facer un exercicio de Fe e esperar a ver si, unha vez mais os nacionalistas reaccionan, despois de que, dende o Partido Popular, poñamos sobre a mesa os problemas e cuestións que realmente importan á cidade e son fundamentais para o seu desenvolvemento.